sábado. 26.11.2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión este sábado co director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Luis Moreno, para coñecer en detalle os proxectos nos que a entidade está colaborando co obxectivo de conseguir fondos europeos. Conde destacou o seu traballo e implicación para impulsar iniciativas que pretenden promover unha mobilidade eléctrica, autónoma, conectada e sustentable.

Así, Conde puxo en valor o esforzo do CTAG, que formou parte da presentación de máis de 30 proxectos para a captación de fondos europeos Next Generation, participando nas manifestacións de interese emitidas polo Goberno en materia de automoción, mobilidade eléctrica e sustentable ou infraestruturas intelixentes. Subliñou tamén a súa capacidade de traballar en equipo a través de consorcios con todos os actores do tecido industrial do automóbil tanto a nivel autonómico como nacional.

Neste sentido, destaca o proxecto MUS sobre mobilidade urbana sustentable na que participan 18 socios de cinco comunidades autónomas e no que o CTAG é o líder.

O obxectivo deste programa é lograr un impacto na competitvidade do sector, a súa modernización e sustentabilidade a través do vehículo autónomo, os sistemas embarcados, a algoritmia e as plataformas de xestión e instalacións piloto, así como infraestruturas de test de validación.

Outro dos grandes proxectos nos que o CTAG colabora é AutoÁncora, no que participa todo o sector galego co apoio de 70 entidades da Comunidade e que conta coa implicación da Xunta. A iniciativa aposta pola automoción do futuro co foco posto na sustentabildiade, a dixitalización e as novas tecnoloxías e contempla un investimento de ao redor de 1300 millóns de euros

Tanto o Goberno galego como CTAG coincidiron en que este tipo de proxectos son unha oportunidade para Galicia á hora de afianzar as súas capacidades técnicas e humanas e para o desenvolvemento de tecnoloxía e coñecemento, o que permitirá a atracción de proxectos globais e, polo tanto, a captación de novos investimentos e de talento e empregos cualificados.

Proxecto MUS e AutoÁncora, a automoción do futuro