martes. 04.11.2025

O Concello de Ponteareas vén de acadar, por segundo ano consecutivo, ser o único municipio de Galicia en obter o Programa Xuventude Mentoring na Empresa. Esta iniciativa de promoción da inserción laboral brindará unha valiosa oportunidade a 12 mozas e mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

A alcaldesa, Nava Castro, expresou o seu agradecemento á Consellería de Cultura, Xuventude e Lingua por este novo respaldo. Segundo a rexedora, este apoio facilitará as estadías formativas dos participantes en diversas empresas ou entidades, tanto públicas como privadas, que estean vinculadas a sectores económicos considerados estratéxicos para Galicia.

O obxectivo principal deste programa é fortalecer a empregabilidade, as habilidades e as competencias profesionais dos mozos e mozas rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) que se atopen en situación de desemprego e fóra dos sistemas de educación ou formación. A través da adquisición de experiencia profesional, búscase mellorar a súa formación e facilitar a súa incorporación ao mercado de traballo.

A concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas, subliñou que este programa permite potenciar os programas de educación non formal, nos que os mozos e mozas poden adquirir os coñecementos e as habilidades máis demandadas no actual contexto laboral.

A edil tamén adiantou que a Consellería apoia ao Concello cunha achega de 100.000 euros, un investimento que "permite que 12 mozas e mozos se acheguen á realidade empresarial e melloren a súa autonomía persoal, ademais de crear oportunidades de emprego xuvenil".

Ponteareas, único concello galego en reeditar o programa Xuventude Mentoring na Empresa
Comentarios