viernes. 26.04.2024

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o esforzo realizado polo sector conserveiro galego e o tirón desta industria nos momentos máis complicados da pandemia da covid-19. Neste sentido lembrou que Galicia encabeza a produción nacional de conservas de produtos do mar e que representa o 80% desta industria en España, onde en 2020 a produción nesta actividade medrou un 2%, con preto de 360.000 toneladas e a facturación subiu un 5% en relación ao 2019, con máis de 1.700 millóns de euros.

Así o sinalou a titular de Mar durante a inauguración da II edición da Feira da Conserva, que acolle Vilanova de Arousa esta fin de semana. Alí tamén puxo en valor o apoio do Executivo galego a este sector e lembrou que puxo máis de 26 millóns de euros a disposición das empresas de transformación de peixes e mariscos a través das convocatorias de axudas deste ano cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

Desa cantidade, máis de 22,4 millóns de euros correspóndense coa convocatoria de axudas para melloras nas pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar. Outros 4 millóns de euros correspóndense cos apoios que forman parte do plan Avantemar para compensar a caída de ingresos nas empresas de transformación de peixes e mariscos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do coronavirus.

En relación á Feira da Conserva, Rosa Quintana, destacou que este evento representa un apoio importante para a actividade do concello, da comarca do Salnés e para as familias que viven do sector conserveiro local, afectado polas circunstancias derivadas da pandemia do coronavirus. Nesta liña, a conselleira recoñeceu o labor do Concello na organización desta feira e o seu esforzo por mantela e incluso reforzala con actividades complementarias como obradoiros científico-mariños e os premios ao mellor posto participante no evento e ao produto máis innovador. Engadiu ademais que a feira busca ofrecer aos locais e visitantes unha opción de lecer e turismo gastronómico seguro.

FEIRA

A II Feira da Conserva conta coa colaboración da Xunta de Galicia e nela participarán un total de 27 empresas de toda Galicia. Delas 15 pertencen ao sector conserveiro, catro son adegas, seis son do sector alimentario e as outras tres son dos sectores da transformación, da sustentabilidade e do turístico.

O evento ten como obxectivo poñer en valor os diferentes produtos que se extraen do mar coas súas diversas receitas. Para iso entre hoxe e o domingo acollerá as demostracións gastronómicas de cociñeiros como Miguel Mosteiro, Rui Ribeiro e Yayo Daporta.

Galicia encabeza a produción nacional de conservas de produtos do mar