sábado. 20.04.2024

O Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas, Ourense) e a Xunta de Galicia poñen en marcha unha aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á COVID-19. Neste programa, denominado Connect-19, poderán participar ata 20 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.

Hoxe informouse da iniciativa coa participación da directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, quen sinalou que o obxectivo do programa é impulsar a competitividade das pemes galegas con produtos e servizos innovadores que ofrecen solucións fronte á COVID-19 apoiándoos na súa comercialización, no marco do Plan de Reactivación e Dinamización da Economía de Galicia.

600 MIL EUROS

O programa ten como obxectivo impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras do tecido empresarial galego que poidan contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola COVID-19. Terá unha duración de cinco meses e contará cun orzamento de preto de 600.000 euros. As empresas recibirán asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica, ao tempo que se potenciará a súa capacidade de captación de financiamento. Para iso seguirase unha folla de ruta personalizada enfocada a fortalecer o acceso ao mercado de cada un dos proxectos.

Entre outros aspectos, as pemes participantes recibirán apoio para obter acreditacións de innovación e certificacións referentes ás normas e directivas sanitarias, así como para avanzar na comercialización e internacionalización dos seus produtos ou servizos, identificando novos mercados potenciais. Así mesmo, axudaráselles a captar socios investidores. Expertos en diferentes áreas de crecemento empresarial e comercialización traballarán coas empresas seleccionadas de xeito personalizado para acadar os obxectivos do programa.

APOYO ESPECIALIZADO

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 10 de xullo. Poderán presentarse pemes de calquera sector que conten cun produto ou servizo innovador que poida contribuír á loita contra o impacto producido pola crise da COVID-19 e que sexa susceptible de incorporar de forma inmediata ao mercado ou que se atope xa no mercado pero que precise impulso para o seu posicionamento. As solicitudes deberán presentarse a través da web http://connect19.gal.  

A nova aceleradora seguirá a metodoloxía de fortalecemento de capacidades comerciais que xa demostrou resultados nas tres edicións do programa Agrobiotech, impulsado de maneira conxunta polo Parque Tecnolóxico de Galicia e a Xunta de Galicia.

Empresas en loita contra a COVID-19