sábado. 20.04.2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a Marca Galicia transmite o esforzo que está a facer o tecido produtivo galego por incorporar a innovación e o deseño para ser máis competitivo e sustentable.

Conde interveu hoxe no CIS-Tecnoloxía e Deseño na clausura do V Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, onde puxo de manifesto o traballo da Xunta por impulsar un ecosistema galego de deseño e innovación orientado ao desenvolvemento económico e sostible de Galicia, que é o obxectivo do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade, ‘Diferenza’.

Esta iniciativa que o Goberno galego puxo en marcha o pasado ano para impulsar a cultura do deseño e a innovación nas pemes galegas, identifica o deseño como a diferenza ou valor engadido que a unha empresa lle abre novos mercados; que, no contexto actual está na sustentabilidade.

Na xornada interviron seis das 25 pemes beneficiarias da pasada convocatoria do programa de axudas DeseñaPeme, co que a Xunta contribúe ao obxectivo de apoiar proxectos que conxuguen deseño e sustentabilidade no tecido empresarial galego. A convocatoria deste ano, con 1,5M€ de orzamento e a previsión de mobilizar 3M€, xa está en fase de resolución con máis de 90 propostas recibidas.

O vicepresidente económico asegurou que o deseño contribúe a crear a nosa marca país e que, a través del, proxectamos a nosa identidade como territorio. Nese sentido, concluíu asegurando que outro dos valores que transmite a Marca Galicia é que a Xunta cre no binomio industria-sustentabilidade e en poñer a I+D+i e o deseño ao servizo da transición ecolóxica e dixital.

O ecosistema galego de deseño e innovación
Comentarios