viernes. 01.03.2024

A Xunta e o Norte de Portugal impulsarán un novo proxecto de cooperación transfronteiriza para garantir a protección do Parque Natural Gêres-Xurés

A Xunta de Galicia e a rexión Norte de Portugal impulsarán un novo proxecto de cooperación transfronteiriza de cara a 2025 para garantir a protección do Parque Natural Gêres-Xurés, segundo avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.
A directora xeral de Patrimonio Natural participou na inauguración da II Xornada técnica transfronteiriza Gêres-Xurés.
A directora xeral de Patrimonio Natural participou na inauguración da II Xornada técnica transfronteiriza Gêres-Xurés.

A Xunta de Galicia e a rexión Norte de Portugal impulsarán un novo proxecto de cooperación transfronteiriza de cara a 2025 para garantir a protección do Parque Natural Gêres-Xurés, segundo avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Durante a súa intervención na inauguración da II Xornada técnica transfronteiriza Gêres/Xurés, na que estivo acompañada da directora rexional da Conservação da Natureza e Florestas do Norte e vogal do Conselho Diretivo do ICNF (Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas), Sandra Sarmento, a directora xeral subliñou a importancia de recorrer ao Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) para avanzar no coidado e preservación deste espazo natural e, ao mesmo tempo, garantir o seu desenvolvemento sostible.

Nesa liña, logo de agradecer “a disposición e colaboración dos técnicos dun e doutro lado da fronteira”, Do Campo incidiu no obxectivo común de establecer mecanismos de coordinación, que permitan intercambios de experiencias, información e documentación que permitan o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

De feito, durante a xornada que tivo lugar hoxe no centro de interpretación localizado en Lobios, analizáronse os traballos xa desenvolvidos ou en funcionamento neste espazo natural. Así, persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural explicou as medidas implementadas para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático na contorna así como os traballos para adecuar as infraestruturas de cara a facilitar a accesibilidade de persoas con diversidade funcional. A maiores, co gallo do 25 aniversario do seu desenvolvemento, abordouse o programa de introdución no parque natural da cabra montés occidental.

A maiores, a directora xeral salientou que as conclusións que se extraian desta xornada de intercambio e debate transfronterizo serán un instrumento fundamental á hora de establecer unha folla de ruta para acometer novas iniciativas e actuacións. 

Cómpre lembrar que as preto de 30.000 hectáreas que abarca o Parque Natural Baixa-Limia-Xurés e as preto de 50.000 ha do Parque Nacional Peneda-Gerês conforman un territorio cunha rede hidrográfica densa, ecosistemas en bo estado de conservación e especies de fauna e flora de excepcional interese para a preservación da natureza e a biodiversidade.

A Xunta e o Norte de Portugal impulsarán un novo proxecto de cooperación...
Comentarios