lunes. 22.12.2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, aprobou a novena actualización do Plan Básico Autonómico de Galicia (PBA), un instrumento clave para a planificación urbanística e territorial da Comunidade Autónoma.

O Plan Básico Autonómico, aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, complementa o marco lexislativo co que o Goberno galego impulsa unha ordenación responsable, equilibrada e sostible do territorio. Trátase dun documento dinámico que recolle e integra as principais novidades da normativa sectorial que inciden no territorio galego.

A normativa establece que o PBA debe actualizarse cunha periodicidade mínima anual, aínda que na práctica a Xunta vén realizando actualizacións semestrais. Deste xeito, o plan constitúe unha auténtica radiografía da evolución lexislativa e dos instrumentos de ordenación territorial, así como un rexistro actualizado dos asentamentos de poboación existentes en Galicia.

Neste contexto, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a novena actualización cartográfica do PBA, froito da nova información sectorial recompilada e facilitada polos distintos organismos competentes. A revisión afecta a ámbitos tan diversos como o modelo de asentamento, os instrumentos de ordenación do territorio, as augas, a enerxía, os transportes, os portos, o patrimonio cultural, as costas, a minería, as servidumes acústicas ou os crematorios.

Ademais, no visor cartográfico do PBA incorporouse a conexión coa información das delimitacións das concentracións parcelarias, procedente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, co obxectivo de garantir que os datos xeográficos estean permanentemente actualizados.

Outra das novidades desta actualización é a mellora das capas que publican datos externos vinculados (DEV), nas que se habilita un novo icono “URL” que permite acceder directamente ás páxinas web e bases de datos dos organismos sectoriais correspondentes, facilitando así a consulta e ampliación da información.

Cómpre lembrar que a aprobación do PBA marcou o punto de partida para a elaboración dos Plans básicos municipais que a Xunta está a promover en concellos de menos de 5.000 habitantes que carecen de planeamento xeral. Ao mesmo tempo, o plan serve de referencia para os Plans xerais de ordenación municipal, co fin de avanzar cara a unha ordenación coherente, responsable e sostible do territorio galego.

A documentación íntegra correspondente á novena actualización do Plan Básico Autonómico de Galicia pode consultarse a través dos seguintes enlaces oficiais:

A Xunta aproba a novena actualización do Plan Básico Autonómico de Galicia
Comentarios