domingo. 05.05.2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta acaba de activar a alerta laranxa por choiva no centro e sur da provincia de Lugo; no sur, noroeste e Miño de Ourense; e en toda a provincia de Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a últimas horas de hoxe cunha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm. As provincias da Coruña e de Pontevedra están xa desde o mediodía en aviso amarelo, e as de Lugo e Ourense estarano a partir de media tarde, con precipitacións acumuladas que poden acadar os 50 mm en 12 horas e os 15 mm nunha hora.

Canto ao vento, un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa en curso está a afectar á Mariña de Lugo e ao oeste da Coruña, con refachos de ata 100 km/h. No resto da provincia da Coruña e na de Pontevedra, así como na montaña e no centro de Lugo, hai nivel amarelo con refachos que poderán acadar os 90 km/h.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Ante as fortes chuvias e o vento, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e ventás.

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

A Xunta activa a alerta laranxa por choiva en Lugo, Ourense e Pontevedra
Comentarios