martes. 28.05.2024

Xornada sobre robots de muxido

A Cooperativa Rural Galega CLUN ofrece axuda e asesoramento aos seus socios de cara á modernización e automatización das explotacións leiteiras, que están a atopar na tecnoloxía a solución á falta de persoal neste sector. Un equipo técnico-económico proporciónalles información sobre se un robot de muxido é un bo investimento en función do tamaño e modelo da gandería, así como sobre o seu manexo e xestión e tamén sobre o axuste da alimentación.
Gandeiros asesorandose sobre os robots de muxido.
Gandeiros asesorandose sobre os robots de muxido.

A Cooperativa Rural Galega CLUN ofrece axuda e asesoramento aos seus socios de cara á modernización e automatización das explotacións leiteiras, que están a atopar na tecnoloxía a solución á falta de persoal neste sector. Un equipo técnico-económico proporciónalles información sobre se un robot de muxido é un bo investimento en función do tamaño e modelo da gandería, así como sobre o seu manexo e xestión e tamén sobre o axuste da alimentación. Nesta liña, uns 300 gandeiros e gandeiras procedentes de toda Galicia participaron hoxe nun encontro sobre o emprego de robots de muxido, impulsado pola marca holandesa Lely, experta en maquinaria e robótica agrícola. Tivo lugar na Gandería Queirugueira do Val do Dubra, socia de CLUN, que é a maior cooperativa leiteira de Galicia e transforma o leite recollido nas ganderías dos seus socios en produtos que levan as marcas Únicla, Feiraco e Clesa. Desta última foron precisamente as sobremesas que se serviron na comida ofrecida para todos os participantes nesta xornada. 

A IMPORTANCIA DE ADAPTAR A ALIMENTACIÓN DOS ANIMAIS

A cooperativa CLUN é especialista en alimentación para vacas, logrando avances significativos para adaptar á alimentación ao robot de muxido. En relación a isto, destacan a importancia da calidade de granulación do penso que se ofrece no robot, así como a composición da comida ofrecida no pesebre, xa que inflúen de xeito moi relevante na cantidade de veces que o animal entra ao muxido no robot. Nesta liña, a cooperativa asesora aos gandeiros e gandeiras sobre como realizar a alimentación con esta tecnoloxía, acompañándoos no período de adestramento dos animais e no seguimento posterior dos índices máis importantes do rebaño. Isto favorece a toma de decisións á hora de implementar as táboas de alimentación dos diferentes grupos de animais do cortello, tendo en conta o seu status de produción.

A Gandería Queirugueira leva xa catro anos empregando esta tecnoloxía, mediante tres robots e un arrimador de comida. Durante a xornada os asistentes tiveron a oportunidade coñecer o seu funcionamento e as principais vantaxes que lles poden aportar no seu día a día.

A ROBOTIZACIÓN DA GANDEIRÍA

José Antonio González é un dos técnicos de CLUN especializado en robots de muxido. Explica que acompañan aos gandeiros á hora de valorar en cada caso se incorporar ou non esta tecnoloxía, realizando un estudo de custos e rendibilidade. Nesta liña, sinala que a produción pode incrementarse entre un 8 e un 12% anual por animal. Ademais, apunta que tamén se produce unha mellora desde o punto de vista hixénico-sanitario. E, á hora de conseguir persoal estable, asegura que os potenciais traballadores prefieren operar con tecnoloxía fronte ao sistema manual.

“Cómpre ter en conta que cada robot atende a uns 60 animais e fan tres muxidos ao día, que é o ideal; as explotacións gandeiras normalmente só realizan dous debido á falta de man de obra. Son capaces de levar a cabo o proceso de forma completamente automatizada, o que significa que non é necesario que un operador estea presente durante o muxido, o que aforra tempo e esforzo, favorecendo a flexibilidade horaria e, polo tanto, a conciliación da vida familiar e laboral.  Ademais, estas máquinas traballan as 24 horas, o que permite manter ou mesmo ampliar o número de animais. A falta de man de obra, unido a que as novas xeracións apostan por actualizar as explotacións e mellorar a súa calidade de vida, fai que a implantación desta tecnoloxía nas ganderías galegas sexa imparable” -manifesta o técnico de CLUN-.

Por outro lado, con esta tecnoloxía favorécese o benestar animal porque os robots están deseñados para proporcionar unha contorna confortable e tranquila para as vacas durante o muxido. Os animais poden entrar e saír do robot cando o desexen, o que reduce a tensión e mellora a súa comodidade.

Ademais, cada vaca é identificada e monitoreada de forma individualizada polo robot. Isto posibilita un seguimento preciso e en tempo real da produción de leite, do estado de saúde da vaca e outros datos relevantes para os gandeiros. Así mesmo, o robot pode detectar problemas de saúde de xeito temperán, o que axuda a previr enfermidades e mellorar a eficiencia do muxido.

Na actualidade en Galicia hai instalados máis de 300 robots de muxido. En canto aos requisitos para que unha gandería poida optar á súa mecanización, os técnicos sinalan que debe dispor de corredores amplos para favorecer o acceso dos robots. Pola súa parte, as vacas deben ter unha determinada morfoloxía tanto de ubres como de patas.

CLUN ten en marcha varias iniciativas para facer fronte á falta de persoal nas explotacións gandeiras

CLUN traballa en varias frontes para resolver un dos problemas que máis preocupan aos gandeiros na actualidade como é a falta de persoal. Así, ademais do asesoramento en robots de muxido, a cooperativa impulsou a primeira formación profesional en formato dual de sanidade animal do ensino público galego. Desde setembro catorce alumnos cursan no IES de Melide esta FP superior, que os habilitará como profesionais cualificados para traballar no eido da asistencia a ganderías. No mes de marzo comezarán as súas prácticas en explotacións da cooperativa.

Así mesmo, CLUN participa en iniciativas de formación sobre gandería e leite dirixidas a inmigrantes, a través de organizacións como Ecos do Sur e AGACA. O obxectivo é que poidan atopar unha saída laboral no campo.

Xornada sobre robots de muxido
Comentarios