martes. 04.11.2025

Un exemplar numerado da primeira edición do emblemático discurso "Alba de Gloria" de Castelao, pertencente á biblioteca da pedagoga Antía Cal e do oftalmólogo galeguista Antón Beiras, emprende camiño cara á UNESCO. A iniciativa, impulsada polo Legado Activo Beiras Cal, materializouse esta mañá nun emotivo acto en Muras, coincidindo coa véspera do Día Mundial da Diversidade para o Diálogo e o Desenvolvemento.

LABC Antia Cal Alba de Gloria.
LABC Antia Cal Alba de Gloria.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, desprazouse ata esta localidade lucense para participar na preparación do envío. Un momento significativo que contou coa presenza dos alumnos e alumnas do CEIP Antía Cal Vázquez, a escola rural que leva o nome da pioneira do ensino en galego. Os nenos e nenas deste centro asinaron unha das tres cartas que acompañarán o valioso volume á organización internacional, nun clamor conxunto en defensa da lingua galega.

Beatriz Beiras Cal, filla de Antía Cal (1923-2022) e Antón Beiras (1915-1968), explicou o sentido desta acción: "Desde o Legado Activo Beiras Cal pedímoslle á UNESCO que se interese por aquelas políticas lingüísticas que sirvan para darlle á lingua galega un futuro, e facémolo neste momento no que hai unha clara crise no número de falantes da nosa lingua porque cremos que é unha hora crucial para a permanencia do galego".

LABC Antia Cal Alba de Gloria.
LABC Antia Cal Alba de Gloria.

Henrique Monteagudo aplaudiu con entusiasmo esta iniciativa que pon o foco en "Alba de Gloria", un texto que simboliza a historia de marxinación e represión sufrida polo galego. O presidente da RAG valorou especialmente que a acción parta dunha escola rural, subliñando que "a diversidade lingüística está relacionada coa diversidade humana e o territorio". "Temos que relacionar o mantemento do idioma co benestar e co desenvolvemento das comunidades humanas que o falan. E isto está intimamente relacionado coa ecoloxía, co coidado do territorio e co desenvolvemento respectuoso co medio natural, que permita que a xente se radique no rural en condicións de vida dignas", engadiu Monteagudo, nun acto no que tamén estivo presente o alcalde de Muras, Manuel Requeijo.

Nesta mesma liña, os quince nenos e nenas do CEIP Antía Cal Vázquez plasmaron nunha emotiva carta a súa reivindicación do apoio ás escolas rurais como baluartes da contorna e do idioma galego. "A nosa escola é moito máis ca un lugar para aprender: é onde aínda se pode escoitar o galego. Por iso vos pedimos apoio para as escolas do rural, para que non se esqueza quen vive no rural. Que haxa leis, recursos, vontade para manter vivas as aulas pequenas como a nosa", expresan con sentida claridade.

LABC Antia Cal Alba de Gloria.
LABC Antia Cal Alba de Gloria.

O Legado Activo Beiras Cal asina outra das misivas, mentres que Henrique Monteagudo, recoñecido especialista na figura de Castelao, firma a terceira carta dirixida á directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay. Nela, o presidente da Academia explica a profunda significación histórica e cultural do derradeiro discurso de Castelao, pronunciado o Día de Galicia de 1948 desde o seu exilio en Buenos Aires e que permaneceu prohibido durante moitos anos na súa terra natal.

Un exemplar que chegou clandestinamente a Galicia

A celebración arredor do Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento tivo lugar na sede do Legado Beiras Cal, a antiga casa familiar en Muras de Antía Cal. Esta muller foi unha figura clave ao fundar o colexio Rosalía de Castro de Vigo, onde desenvolveu unha pedagoxía innovadora e apostou decididamente polo uso do galego en plena ditadura franquista. Nos anos 50, Antía Cal escribiu "O libro dos nenos", un manual de xeografía en galego que permaneceu inédito durante máis de sesenta anos. Considerada unha das obras fundacionais da pedagoxía galega do século XX, foi galardoada polo Lar Galego de Caracas en 1955, catro anos despois da publicación na Arxentina da primeira edición de "Alba de Gloria".

Antía Cal e Antón Beiras lograron obter un dos exemplares deste discurso que chegou a Galicia de forma clandestina. "Posiblemente chegase á casa deles a través de Luis Seoane, con quen mantiñan unha estreita relación", apunta Carme Varela, secretaria do Legado.

Setenta e cinco anos despois do falecemento do seu autor, e coincidindo coa celebración do Ano Castelao, este folleto emprende agora unha viaxe simbólica á biblioteca da UNESCO en París, nunha sentida homenaxe á memoria dun home que destacou pola súa firme defensa da democracia, tal como subliña o presidente da RAG na súa carta. Henrique Monteagudo cualifica este discurso como "quizais o máis fermoso escrito en galego" e lembra que nel, o intelectual rianxeiro realiza "un afervoado eloxio do pobo galego, como preservador da identidade singular de Galicia e fiel custodio do idioma propio a través dos séculos".

"Esta alocución foi escoitada con intensa emoción por unha audiencia formada por persoas pertencentes á numerosa colectividade galega naquela cidade e no Río da Prata, persoas que tiveran que emigrar de Galicia por razóns económicas ou refuxiarse alí por razóns políticas, para fuxir da represión desatada despois do golpe de Estado fascista de 1936 e pola ditadura que o seguiu", engade Monteagudo, contextualizando a profunda carga histórica e emocional deste texto de Castelao, "un dos persoeiros máis representativos da cultura e da política da Galicia do século XX", quen tamén viviu o exilio en Arxentina.

A voz de 'Alba de Gloria' e dos nenos de Muras viaxa á UNESCO en defensa do galego
Comentarios