viernes. 26.04.2024

A illa de Ons acollerá durante toda esta fin de semana aos primeiros 10 participantes no novo programa de voluntariado ambiental de carácter interxeracional, impulsado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social. Desde onte e ata o domingo, os voluntarios participarán en todo tipo de actividades ao aire libre e baixo a dirección e supervisión dos técnicos do propio Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.

Entre as accións programadas para estes tres días, cómpre subliñar a eliminación de especies alóctonas, como a acacia ou as calas (especies vexetais invasoras presentes na illa); a limpeza das praias de Liñeiros e Cova de Vella e dos sistemas dunares de Melide e Canexol; a realización de tarefas de mantemento e adecuación de camiños e sinais; o apoio nas de tarefas de guía e información; ou a reforestación con especies autóctonas.

Os 10 participantes pasarán os tres días na propia illa, para o que se aloxarán nunha das vivendas que ten en propiedade o Parque Nacional.

Esta é a primeira das dúas quendas de voluntariado medioambiental que se desenvolverán en Ons –a segunda está prevista para a fin de semana do 24 ao 26 de setembro no marco deste novo programa, que dá continuidade ao proxecto iniciado en 2017 entre ambos departamentos autonómicos a través do chamado Proxecto Lewo.

Deste xeito, está previsto que de aquí ao mes de outubro se realicen unha vintena de accións de voluntariado ao abeiro desta iniciativa interxeracional, que esgotou as 228 prazas dispoñibles en apenas tres horas e achegará aos seus participantes a 16 dos espazos naturais máis senlleiros e recoñecidos de Galicia.

Concretamente, ademais do Parque Nacional das Illas Atlánticas (onde hai programadas accións tamén en Cíes, Cortegada e Sálvora), o programa de voluntariado ambiental deste ano recalará tamén nos seis parques naturais de Galicia complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; O Invernadeiro; serra da Enciña da Lastra; Monte Aloia; Fragas do Eume; e de Baixa Limia-Serra do Xurés ; nas reservas da biosfera Terras do Miño Mondoñedo; Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e Eo, Oscos e Terras do Burón Ribadeo; e nas zonas de especial conservación (ZEC) Ancares-Courel e Canón do Sil.

Voluntarios ambientais en Ons