domingo. 28.04.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na Escola Infantil de Vite de Santiago de Compostela nos actos organizados pola Xunta de Galicia para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna e nos que o alumnado do centro gozou do concerto de música infantil Gatuxo a cargo de Magín Blanco e María Faltri. Ademais, co gallo desta efeméride, o Goberno galego tamén pon a disposición da cidadanía novos recursos dixitais elaborados para dinamizar o uso do galego.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé na importancia deste tipo de iniciativas “para que a cativada se relacione coa súa contorna e no seu día a día usando a lingua galega”. “O obxectivo é fomentar o uso do galego tanto nos máis pequenos como na sociedade en xeral para que a nosa lingua estea presente en todos os ámbitos”, engadiu.

Ademais desta actividade musical, a Administración autonómica puxo a disposición das familias novos recursos dixitais elaborados no marco da convocatoria TeCeRedes. Así, no Portal da Lingua están xa dispoñibles o xogo interactivo Ti es a chave da primavera, de Ronsel de Ideas, e os audiovisuais ÑamCriando lingua e Calcetís e paxarínNeste mesmo espazo tamén pode verse o vídeo elaborado con motivo desta efeméride pola Rede para Promover a Diversidade Lingüística, da que forma parte a Xunta de Galicia xunto a outros gobernos, entidades e universidades europeas.

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. Nesta edición o tema arredor do que xira a conmemoración é Educación Multilingüe, a necesidade para transformar a educación.

Unha proposta musical para os máis cativos No Día Internacional da Lingua Materna
Comentarios