viernes. 29.03.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da quinta edición do Foro Territorios Patrimonio 2021 – Ribeira Sacra, que reúne ás voces máis interesantes en cuestións como patrimonio, turismo sustentable e futuro vitivinícola. Trátase dun evento cun amplo programa de conferencias, mesas redondas e actividades que nesta ocasión céntrase nos retos e oportunidades deste territorio, así como na estratexia na que traballa a Xunta de Galicia para acadar o máximo recoñecemento da Unesco como Patrimonio Mundial.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura repasou os plans do Goberno galego para impulsar a candidatura dunha comarca que é “un dos grandes tesouros que posúe Galicia”. “Son moitos os esforzos que temos levado a cabo para enxalzar este enclave e este traballo debe ser un orgullo para os concellos que forman este territorio e para toda Galicia”, subliñou.

O obxectivo da Xunta, tal e como explicou Román Rodríguez, é intensificar o traballo para dar un novo impulso á candidatura mediante un proceso no que participarán novos perfís técnicos e estará implicada a maior cantidade posible de persoas que entendan “a transcendencia real deste enclave e saiban poñer en valor o seu significado”.

SUSTENTABILIDADE

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o compromiso da Xunta coa calidade e a sustentabilidade turística, fíos conductores xunto coa seguridade do modelo futuro do turismo galego no que o a Administración autonómica traballa co sector no marco do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro. Lembrou, ademais, que a Ribeira Sacra foi un dos beneficiarios dos Plans de Sustentabilidade aprobados polo Estado o ano pasado, que contou cun investimento da Xunta de 850.000 euros co obxectivo de posibilitar a creación de novos produtos e na consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.

Nava Castro invitou a turistas e peregrinos a descubrir a Ribeira Sacra neste Xacobeo 21-22. Así, resaltou que o turismo sustentado no patrimonio cultural, na viticultura, na gastronomía ou nas rutas polas súas fragas integran unha experiencia única facendo fincapé en que a particularidade desta contorna invita a un turismo sosegado, en contacto co medio natural, sen renunciar a ser unha fonte de dinamismo e actividade para esta zona. Destacou tamén que a Ribeira Sacra acolle dúas rutas xacobeas -o Camiño Francés e o Camiño de Inverno- que supoñen unha oportunidade de desenvolvemento económico a través de servizos orientados para os peregrinos que camiñen a Galicia neste Ano Santo Dobre.

RESERVA BIOSFERA

Así mesmo, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, participou en nome da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na mesa de debate Ribeira Sacra. Un territorio patrimonio e Reserva de Biosfera. Durante a súa intervención, lembrou que o pasado mes de setembro foi declarada oficialmente a Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a sétima de Galicia e un recoñecemento internacional que, segundo dixo, “reforza e impulsa” as aspiracións deste territorio de gran riqueza natural e paisaxística de converterse tamén en Patrimonio Mundial.

Precisamente, para avanzar cara ao obxectivo de que a Ribeira Sacra consiga a “triple coroa” da Unesco —tras a declaración do Xeoparque Montañas do Courel, en 2019, e da Reserva de Biosfera, este mesmo ano—, Enrique de Salvador explicou que a Consellería de Medio Ambiente impulsou un Plan de Acción Estratéxico para esta zona cun investimento previsto de máis de 4,5 millóns e no marco do cal o IET aprobou o Plan de acción da paisaxe e ultima a execución do Pacto pola paisaxe en virtude do convenio asinado en 2020 co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Fegamp.

FERRAMENTA

O Foro Territorios Patrimonio 2021, que se pode seguir tamén en YouTube, dá continuidade a un proxecto que impulsan I-Radia Crea e 17° Ribeira Sacra Festival como unha ferramenta ao servizo da Ribeira Sacra. Esta nova edición conta con expertos e a participación está principalmente dirixida a profesionais, administradores públicos, investigadores ou público xeral que teñan algunha relación co medio natural.

‘Territorios Patrimonio 2021 ‘-Ribeira Sacra