martes. 16.04.2024
Cun traballo sobre a subida do nivel do mar en Galicia

Teresa Abuín gaña o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

O xurado acordou conceder o premio á reportaxe “Costa inundable”, da xornalista Teresa Abuín Tubío, emitida o 16 de xaneiro deste ano no programa Vivir Aquí da CRTVG e centrada na subida do nivel do mar en Galicia. O xurado destaca deste traballo “a súa boa planificación para abordar desde Galicia un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar”. Tamén apunta “un tratamento exento de catastrofismo, con ampla riqueza de fontes e dotado dun bo hábitat sonoro que proporciona significado e sentido á narrativa audiovisual”. A galardoada recibirá unha dotación de 3.000 euros.
A xornalista Teresa Abuín.
A xornalista Teresa Abuín.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), falla a sétima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2022. Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal). O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 15 de xuño, ás 19 h no Pazo de San Roque de Santiago.

O xurado acordou conceder o premio á reportaxe “Costa inundable”, da xornalista Teresa Abuín Tubío, emitida o 16 de xaneiro deste ano no programa Vivir Aquí da CRTVG e centrada na subida do nivel do mar en Galicia. O xurado destaca deste traballo “a súa boa planificación para abordar desde Galicia un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar”. Tamén apunta “un tratamento exento de catastrofismo, con ampla riqueza de fontes e dotado dun bo hábitat sonoro que proporciona significado e sentido á narrativa audiovisual”. A galardoada recibirá unha dotación de 3.000 euros.

 

Abuín: “A ciencia busca entender o mundo e o xornalismo debe tratar de explicalo e para iso hai que dar máis espazo nos medios á voz dos científicos”

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Teresa Abuín (Rianxo, 1970) leva 27 anos traballando na TVG, en programas como Galicia Enteira, Alalá, No Bico un cantar e Vivir Aquí. Con anterioridade traballou en Antena 3 Radio en Madrid, na Asociación de Periodistas de Información Económica (APIE), na delegación de Santiago de La Voz de Galicia e na Produtora Olympus Comunicación.

A xornalista Teresa Abuín.
A xornalista Teresa Abuín.

“Eu son de Rianxo e vivo moi preto das augas da ría de Arousa. Cando gravamos esta reportaxe, en novembro do ano pasado, celebrábase en Glasgow o cumio do clima. Todos os días escoitabamos falar sobre a subida do nivel do mar e as súas consecuencias para a poboación en distintos lugares do planeta. De aí xurdiu a idea deste traballo. Do interese por coñecer a realidade desa problemática no litoral galego. Máis aló dos datos globais, interesábame saber se realmente se están a producir cambios na nosa costa e escoitar aos científicos que estudan as variacións do nivel do mar en Galicia” -explica Abuín-.

A galardoada manifesta que “recibir este premio, máis aló da satisfacción persoal, supón unha enorme alegría porque dá visibilidade ao traballo que facemos no programa Vivir Aquí e ao que fan moitos outros compañeiros da Televisión de Galicia e da Radio Galega. O recoñecemento a unha maneira de facer xornalismo que busca o achegamento a cuestións universais desde o punto de vista local; a investigación de temas que escapan das correntes maioritarias; e o tratamento da información con certa profundidade, fuxindo da confusión e da xordeira selectiva que produce a simple enumeración de datos e o bombardeo constante de titulares que non deixa tempo á análise nin á reflexión. A ciencia busca entender o mundo e o xornalismo debe tratar de explicalo e para iso hai que dar máis espazo nos medios á voz dos científicos. Ter a oportunidade de facelo en reportaxes coma esta é un privilexio”.

 

Enlace á reportaxe

Mar Álvarez: “Pareceume importante tratar o tema das macrogranxas porque é un problema que afecta a moitos lugares de Galicia”

Por outra parte, o xurado decidiu outorgar un accésit deste premio ao segundo traballo mellor valorado, a reportaxe titulada “A ameaza de macrogranxas na Limia”, de Mar Álvarez Rama, publicada no xornal Nós Diario o 5 de febreiro deste ano. O xurado valorou que “é unha peza xornalística que aborda un tema de actualidade que afecta a Galicia, achegando diversidade de fontes e con certo alarde fotográfico e narrativo”. A galardoada recibirá unha dotación de 1.000 euros.

Mar Álvarez.
Mar Álvarez.

Mar Álvarez (Santiago de Compostela,1999) graduouse en Xornalismo pola USC en 2021 e na actualidade é alumna do Mestrado en Comunicación e Problemas Socioculturais da Universidad Rey Juan Carlos. Sinala que o das macrogranxas “foi un tema moi importante de tratar no momento no que se publicou pois, se ben o debate foi xerado polas declaracións do ministro Garzón un mes antes da publicación da reportaxe, resulta unha problemática de longa traxectoria no contexto galego que pouca veces se lle dá a importancia que debera. A través das declaracións das persoas afectadas ou de diversos colectivos ecoloxistas, fun quen de entender a gravidade do asunto, pois a contaminación xerada pola gandaría de carácter intensivo xa afecta á saúde das persoas, da Baixa Limia en especial pero tamén doutros moitos lugares de Galicia”.

“Sempre fun unha rapaza de letras. A ciencia sempre me impuxo moito, aínda que recoñezo a súa relevancia. Por iso síntome especialmente orgullosa de recibir este premio de xornalismo científico. Ao final, a ciencia forma parte da nosa vida e está en calquera aspecto da sociedade, polo que tamén debe ter unha contundente presenza nos medios de comunicación (a cal non sempre semella suficiente). Faime moi feliz poder contribuir, aínda que sexa miminimamente, a facer iso posible con reportaxes coma esta.

Enlace á reportaxe

Teresa Abuín gaña o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas
Comentarios