lunes. 29.04.2024

O Instituto de Estudos do Territorio (IET) compartiu recentemente a experiencia da Xunta na utilización de sistemas aéreos non tripulados (comunmente coñecidos como drons) co alumnado do máster da Universidade de Vigo especializado no uso e aplicacións desta tecnoloxía.

O estudantado desta titulación puido coñecer da man do director do IET, Enrique de Salvador, os traballos do seu departamento en materia de obtención de información xeográfica, un labor realizado no marco do proxecto Civil UAVs Initiative. Esta iniciativa estratéxica, liderada polo Goberno galego e pioneiro en Europa, ten como obxectivo crear un ecosistema de innovación capaz de xerar novas ideas, atraer investimento estranxeiro e reter capital humano altamente cualificado na Comunidade.

Máis polo miúdo, ao abeiro desta iniciativa foron desenvolvidos, coa colaboración da Axencia galega de innovación (GAIN) e da Amtega, tres sistemas destinados á recompilación de datos cartográficos: a plataforma Terra 1, Terra 2 e Terra 3.

Estas aplicacións funcionan integrando e almacenando a información capturada con drons e aparellos semellantes, realizando o mantemento das bases topográficas e cartográficas e permitindo o desenvolvemento de ferramentas de apoio á planificación territorial.

Ademais, o IET compartiu co alumnado do Máster en sistemas aéreos non tripulados da Universidade de Vigo outros traballos relacionados co estudo do territorio, como o proxecto Xesbio —que amosa as parcelas comprendidas nas faixas secundarias de protección de núcleos de poboación galegos— ou os visores que xestiona, como A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.

Sistemas aéreos non tripulados, drons, aplicados á obtención de información xeográfica
Comentarios