jueves. 02.05.2024

Segue aberto o prazo para solicitar as axudas para plans de mellora en explotacións especializadas en produción vexetal, dotadas con tres millóns de euros a cargo do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Os interesados teñen de marxe ata o día 4 de setembro para solicitalas.

Esta liña de achegas ten como obxectivo apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en cultivos destinados á alimentación humana e á produción de plantas ornamentais e de flor cortada. Desta forma, búscase mellorar os resultados económicos das explotacións agrícolas ao facilitar a súa reestruturación e modernización, incrementando a súa participación e orientación no mercado e diversificando a produción agraria. Do mesmo xeito, búscase reducir a pegada ambiental, diminuíndo as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura. Neste senso, poderán ser beneficiarios de ditas axudas todos aqueles titulares de explotacións agrícolas que estean inscritos no Rexistro de Explotacións Agraria de Galicia (Reaga) e con orientación técnica e económica principal horticultura e cultivos diversos, cultivos leñosos, sementes e plántulas de hortalizas e patacas.

En canto aos investimentos materiais ou inmateriais subvencionables, serán todos aqueles que impliquen unha mellora do rendemento global, da competitividade ou da viabilidade da explotación. Así, entraría dentro desta orde a reforma ou construción de instalacións, a compra de maquinaria, a compra de construcións agrarias en desuso, a plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude frutícola e mesmo a compra de terreos. Como investimento inmaterial, serán subvencionables os gastos como os honorarios dos técnicos que elaboren proxectos de construción, reforma ou licencias de software, entre outros.

Segue aberto o prazo das axudas para modernizar as explotacións especializadas en...
Comentarios