jueves. 28.03.2024

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar os traballos de restauración nas cubertas e muros da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, unha das xoias patrimoniais da Ribeira Sacra. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o monumento xunto co alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, e explicou que os traballos contan cun orzamento de 312.731euros e estenderanse por un prazo máximo de nove meses.

Esta intervención permitirá resolver as patoloxías do monumento, recoñecido como ben de interese cultural (BIC) desde 1931. En concreto, actuarase para eliminar as humidades e filtracións existentes tanto na cuberta como na fábrica do templo. Melloraranse as condicións dos paramentos exteriores e da ventilación, repararanse gretas e fisuras e realizaranse labores de conservación nos elementos escultóricos exteriores.

As actuacións concretas previstas inclúen, entre outras, a restauración da cuberta da nave e ábsida, e a substitución das fiestras por outras que permitan a ventilación continua; selaranse con morteiro de restauración os danos da envolvente, procedendo á recolocación das pezas inestables da cornixa.

Ademais, restauraranse os elementos deteriorados das portas principal e lateral da igrexa; redactaranse os proxectos de restauración dos elementos escultóricos da portada, ocos románicos e cornixas, segundo as prescricións técnicas do proxecto. Son traballos que serán posibles despois de que a Consellería de Cultura e Turismo e a Diocese de Lugo asinasen o pasado mes de xuño un convenio para a posta a disposición da Administración autonómica deste espazo monumental lugués.

CANDIDATURA RIBEIRA SACRA

Con estes traballos, a Xunta de Galicia dá continuidade ao seu compromiso por avanzar na posta en valor do patrimonio cultural galego. Neste caso, actúase en concreto nun ben que forma parte do extenso patrimonio cultural da Ribeira Sacra. O interior da igrexa, datado a finais do século XII, é similar ao da veciña San Paio de Diomondi; ofrécese nunha soa nave dividida en catro tramos e con teitume a dúas augas de madeira.

A fachada principal está dividida en dúas partes por un gran tornachoivas de arcos semicirculares peraltados. A parte inferior -tamén análoga á de Diomond-i, está formada por unha gran portada flanqueada por dous grandes arcos cegos de descarga semicirculares rodeados dunha grilanda de piñas. O cenobio está dedicado a san Estevo, un dos primeiros diáconos da Igrexa que, xunto aos apóstolos, comezaron a evanxelización.

Trátase dun dos elementos máis emblemáticos da Ribeira Sacra, que encara a recta final para ser declarada Patrimonio da Humanidade. De feito, a candidatura baséase, en boa medida, no gran patrimonio arquitectónico desta zona. Para conservar este legado, nos últimos anos realizouse un investimento de máis de 10 millóns de euros que permitiu levar a cabo accións de conservación patrimonial en toda a comarca. Neste momento, están en marcha ou veñen de rematar preto de 15 actuacións.
 

Santo Estevo de Ribas de Miño inicia un periodo de restauración