jueves. 18.04.2024

A Xunta lanza a campaña 'Saca o galego que levas dentro', unha acción que busca poñer en valor a lingua propia entre toda a sociedade; destacar a súa importancia como elemento clave da nosa identidade; alimentar o arraigo, o orgullo e o sentimento de pertenza e fomentar o seu uso entre todos os galegos e galegas. A campaña consiste na itinerancia polas catro provincias dunhas estruturas xigantes con espellos nos que os viandantes poden verse reflectidos ao tempo que len a mensaxe ‘Din que a beleza está no interior. E ti gardas unha lingua fermosa! Saca o galego que levas dentro’.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe na praza de Vigo da Coruña esta nova iniciativa da Xunta, que arranca simultaneamente na cidade herculina e en Ferrol. Acompañado dos representantes municipais, destacou que Galicia e os galegos e galegas “temos un gran tesouro, a nosa lingua, un símbolo de riqueza cultural, social, histórica e comunicativa, ademais dunha ferramenta de moi notable utilidade que nos permite comunicarnos incluso fóra da nosa Comunidade”.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que “sempre son benvidas as accións que nos axudan a sacar o galego que levamos dentro”, e expresou o seu agradecemento aos concellos que colaboran acollendo propostas deste tipo.

A praza de Vigo da Coruña e a praza de Armas de Ferrol contan desde agora cunha nova convidada: unha estrutura de 1,50 m x 2,20 m formada por catro caras, tres delas cubertas por un espello no que os viandantes poden verse reflectidos baixo o lema da campaña. Deste creativo xeito, búscase captar a atención da cidadanía para que valore e empregue a lingua propia, fomentando o seu uso en todos os ámbitos e entre todos os segmentos da poboación.

Na estrutura figura tamén o cancelo #SACAOGALEGOQUELEVASDENTRO acompañado da mensaxe “E compárteo con orgullo”, que convida a quen o lea a tomar unha foto no espello e compartila en redes sociais, trasladando así a campaña das rúas galegas ao mundo virtual. Despois da Coruña e Ferrol, esta acción visitará Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Arteixo.

DÁLLE A LÍNGUA


Tamén como parte da campaña Saca o galego que levas dentro, a Xunta desenvolverá outra acción nos parques das catro provincias. Dálle á lingua chegará proximamente aos espazos de xogo da cativada para xerar experiencias positivas ao redor do idioma e abrir novas vías para a transmisión interxeracional do galego implicando a pequenos e adultos.

A acción contará, por unha banda, cunha parte presencial nos parques de distintas cidades nas que dous monitores dirixirán varias actividades e xogos que facilitarán que as familias participen, empregando os divertidos retos escritos en tickets que se tomarán duns dispensadores semellantes aos dos números no supermercado. Doutra banda, conta unha parte dixital, a través do web dallealingua.gal que se creará para a dita acción e no que calquera persoa interesada poderá descargar o material e xogos empregados polos animadores.

'Saca o galego que levas dentro'