domingo. 16.06.2024

Rueda traslada ao presidente da República de Panamá o interese de Galicia por estreitar lazos económicos e comerciais co país de América central

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao presidente da República de Panamá, Laurentino Cortizo, o interese de Galicia por estreitar lazos económicos e comerciais co país de América Central. Na súa viaxe institucional ao continente americano, o titular do Goberno galego reuniuse onte co mandatario panameño, descendente de emigrantes galegos, nun encontro no que participaron os ministros de Obras Públicas e de Cultura deste país, Rafael José Sabonge e Giselle González, respectivamente.
O titular da Xunta, Alfonso Rueda, participa na primeira palada para a construción do monumento aos galegos que participaron na construción da Canle de Panamá. Calzada de Amador.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou ao presidente da República de Panamá, Laurentino Cortizo, o interese de Galicia por estreitar lazos económicos e comerciais co país de América Central. Na súa viaxe institucional ao continente americano, o titular do Goberno galego reuniuse onte co mandatario panameño, descendente de emigrantes galegos, nun encontro no que participaron os ministros de Obras Públicas e de Cultura deste país, Rafael José Sabonge e Giselle González, respectivamente.

Alfonso Rueda agradeceu a Laurentino Cortizo o seu interese por fortalecer as relacións entre Panamá e Galicia, unidas por lazos de irmandade, que se reflicten en que hai 4.000 galegos residentes, “o que supón un terzo da poboación española neste país”.  

ÁREAS DE INTERESE

O mandatario galego explicou que na reunión se afondou no estreitamento das relacións comerciais, tendo en conta que na actualidade hai 257 empresas galegas que exportan produtos ao país centroamericano. Por este motivo, precisou que no encontro se abordou “intensificar a posición de punto loxístico de Panamá para chegar a outras moitas partes do mundo”.

 O titular da Xunta, Alfonso Rueda, participa na primeira palada para a construción do monumento aos galegos que participaron na construción da Canle de Panamá. Calzada de Amador.

Eses intercambios comerciais están consolidados e son xa relevantes en sectores como a pesca, o téxtil e a madeira, pero o presidente da Xunta amosou interese en afianzar as relacións noutros eidos en alza ou emerxentes, como as enerxías renovables co obxectivo de xerar oportunidades en beneficio de ambos os dous territorios.

Neste eido, Rueda explicou que o presidente Laurentino Cortizo lle apuntou que Panamá ten previsto converterse nun hub con respecto o hidróxeno verde. “En Galicia estamos exactamente na mesma posición”, aseverou, polo que considerou importante “establecer alianzas” con respecto á que cualificou de “enerxía do futuro”.

O presidente do Goberno galego tamén fixo especial fincapé no sector pesqueiro, unha industria clave para Galicia cunha gran tradición comercial en América que está plenamente asentada en Panamá, onde as empresas galegas que operan no mercado internacional contan cun importante volume de negocio.  

CONVITE

Do mesmo xeito, Rueda tamén se amosou favorable a acordos de Galicia con Panamá en materia turística, xa que salientou que comparten “enormes potencialidades” e lembrou o “récord” de visitantes alcanzado na Comunidade galega en 2022, Ano Xacobeo, con máis de seis millóns de turistas. “No turismo de pospandemia a xente procura espazos abertos, a natureza e a non masificación. E isto encáixalles perfectamente a Galicia e a Panamá”, valorou.

Precisamente, Rueda informou de que na reunión convidou o presidente de Panamá a visitar Galicia e amosoulle o seu interese de que fixese “un pequeno tramo” do Camiño de Santiago, xa que salientou que se ten convertido en “Marca Galicia en todo o mundo” á vez que puxo en valor que o Xacobeo está a chegar “cada vez a máis países” . “A invitación queda aberta, cando el o decida ou crea convinte o recibiremos cos brazos abertos”, concluíu ao respecto. 

MONUMENTO

No encontro co presidente de Panamá, Rueda agradeceulle o labor que se está a facer para recordar a presenza dos galegos no desenvolvemento de Panamá a través da Fundación Nosa Terra. De feito, lembrou que foron moitos os que interviñeron na construción dunha das principais obras da enxeñería mundial, a Canle de Panamá. En homenaxe a eses 12.000 obreiros “excepcionais”, o presidente da Xunta participou na primeira pada da construción do monumento que se lles vai levantar en colaboración coa Fundación Nosa Terra. Será unha peza escultórica de 2,4 metros, obra de Gonzalo Sánchez Mendizábal.  

 “Non é un episodio demasiado coñecido e é moi bo pór en valor que en Galicia se saiba que hai un século moitos compatriotas se desprazaron, cando todo era máis difícil e complicado, e foron protagonistas fundamentais dunha obra de enxeñería que cambiou para sempre as comunicacións no mundo”, enxalzou.

Rueda traslada ao presidente da República de Panamá o interese de Galicia por estreitar...
Comentarios