sábado. 27.04.2024

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias centrado nos “Retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables”. Conta ademais co apoio do Campus Industrial da Universidade da Coruña, da Autoridade Portuaria da Coruña e do Instituto Enerxético de Galicia.

antonio_garcia_loureiro
Antonio García Loureiro.

A xornada de este martes, 28 de xuño, terá lugar en Santiago, no Pazo de San Roque. No transcurso da mesma abordaranse os retos actuais da enerxía solar fotovoltaica, a biomasa e o almacenamento enerxético. Á presentación asistirá o presidente da RAGC, Juan Lema.

SOLAR FOTOVOLTAICA

A xornada comezará coa intervención de Antonio García Loureiro, catedrático do Departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago, que se centrará nos retos tecnolóxicos na produción de enerxía solar fotovoltaica. Explicará algunhas das aplicacións máis relevantes da tecnoloxía fotovoltaica e a súa implementación no mercado enerxético. Analizará as distintas tecnoloxías de células solares, tanto desde o punto de vista comercial como de investigación, as súas características e a súa evolución ao longo dos últimos anos. Ademais, referirase aos posibles escenarios da industria fotovoltaica e as súas tendencias económicas e tecnolóxicas para os vindeiros anos.

Galicia, unha potencia na produción de enerxía limpa procedente da biomasa

Mauro Coucheiro, director de operacións de Greenalia Forest, afondará na enerxía da biomasa como “a enerxía verde desde os nosos montes”. Segundo os últimos datos publicados, en 2021 aproveitáronse en Galicia preto de 10 millóns de metros cúbicos de madeira. Isto supón máis da metade de todo o país, un volume que ademais xera máis de 2 millóns de toneladas anuais de restos de talla. Estas cifras converten a Galicia na primeira rexión española polo seu potencial en residuos forestais. As súas características climáticas, distribución poboacional e a súa gran tradición e importancia en explotacións madeireiras reflicten a capacidade da comunidade galega para producir enerxía limpa procedente da biomasa.

juan_andres_marin
Juan Andrés Marín.

Neste marco, Greenalia puxo en marcha en 2020 a planta de biomasa forestal máis grande do sur de Europa, de 50 MW. Está situada no polígono de Curtis-Teixeiro (A Coruña). Conta cunha capacidade para procesar anualmente máis de 500.000 toneladas de biomasa forestal procedente de curtas dunha contorna situada en 100 quilómetros de radio da planta. Con estes datos, o experto amosará e analizará o “altísimo potencial de Galicia para ser referencia na transición enerxética a través do aproveitamento forestal”.   

ALMACENAMENTO DE ENERXÍA

Juan Andrés Marín, enxeñeiro de Minas e responsable do Departamento de I+D+i da Ciudad de la Energía (Ciuden), con sede en León, fará un percorrido polas alternativas que existen na actualidade para o almacenamento da enerxía. Ciuden está concibida como unha ferramenta para a implementación de proxectos piloto encamiñados a conseguir os obxectivos do Plan Nacional Integrado de Energía y Clima, actuando como plataforma para o desenvolvemento de tecnoloxías de almacenamento de enerxía e hidróxeno verde.

Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias deste ciclo, de xeito presencial ou en liña, está aberto na plataforma Zoom.

 

 

Os retos tecnolóxicos na produción de enerxía solar fotovoltaica e o potencial de...
Comentarios