jueves. 28.03.2024

Un reto de seguridade alimentaria, presenza de virus dixestivos en moluscos e vexetais

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran mañá xoves, 11 de maio, ás 19:00 horas, unha nova sesión do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o enorme labor científico que se leva a cabo en Galicia. Poderá seguirse en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na web da Deputación-.
Marta López.
Marta López.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran mañá xoves, 11 de maio, ás 19:00 horas, unha nova sesión do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o enorme labor científico que se leva a cabo en Galicia. Poderá seguirse en liña -o enlace obtense unha vez rexistrados na web da Deputación-.

A importancia da investigación para lograr alimentos seguros

A seguridade alimentaria será o tema desta xornada. Marta López Cabo, científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, afondará nas bacterias patóxenas de transmisión alimentaria, centrándose en particular no caso da Listeria monocytogenes. A investigadora indica que as enfermidades zoonóticas producidas por bacterias de transmisión alimentaria constitúen un problema de saúde pública a nivel mundial”. Nesta liña, salienta que, “a pesar dos sistemas de vixilancia e control, establecidos por todos os axentes implicados, en Europa notifícanse arredor de 350.000 casos ao ano, causados principalmente por cinco xéneros bacterianos: Campylobacter, Salmonella, Yersinia, Escherichia coli e Listeria monocytogenes”.
JesúsL._Romalde.
JesúsL._Romalde.

A experta sinala que os datos revelan que a Listeria monocytogenes é a que provoca unha maior fatalidade, causando a maior porcentaxe de mortes e hospitalizacións entre os afectados. “Na industria alimentaria pode persistir durante anos, esquivando as medidas de prevención e control. Trátase dun microorganismo que ten desenvolto estratexias competitivas exitosas, que van dende a súa elevada resistencia a variables de estado ou a súa facilidade de asociación con outros xéneros bacterianos para formar biofilms ata a súa capacidade de internalización” -apunta-. Así, a investigadora salienta que cómpre seguir avanzando no coñecemento científico e desenvolver sistemas de control para estes e outros patóxenos baseados en análises de risco que permitan ofrecer ao consumidor alimentos seguros.

Os moluscos bivalvos e os vexetais, debido á maneira na que os consumimos, son os alimentos máis proclives a unha transmisión de axentes víricos

Pola súa parte, Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía, investigador do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago, referirase aos virus entéricos (ou dixestivos) en moluscos e vexetais como un reto de seguridade alimentaria. Segundo o investigador, “as enfermidades de transmisión alimentaria de etioloxía viral representan un dos principais retos a nivel mundial dentro do campo da seguridade alimentaria. O desenvolvemento dun comercio a grande escala sen procedementos e estándares de seguridade apropiados desde un punto de vista virolóxico, ten como consecuencia a vulnerabilidade actual do mercado global alimentario”.

O científico indica que se ten demostrado que os virus entéricos son unha das principais causas do aumento de enfermidades de transmisión alimentaria en todo o mundo. Sinala que, “desde un punto de vista epidemiolóxico, os norovirus e o virus da hepatite A son os virus de transmisión alimentaria máis importantes, aínda que nos últimos anos apareceron outros emerxentes, como o da hepatite E, que poderán adquirir relevancia no futuro inmediato”. E manifesta que “os moluscos bivalvos e os vexetais, debido á maneira na que os consumimos (crus ou pouco cociñados) son os alimentos máis proclives a unha transmisión de axentes víricos”.

A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra . Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.

Un reto de seguridade alimentaria, presenza de virus dixestivos en moluscos e vexetais
Comentarios