martes. 23.04.2024

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a contribución da Xunta á mellora da calidade de vida e ao reforzo do atractivo de Ourense cun investimento total de máis de 1,6 millóns de euros na recuperación e posta en valor da Ponte Romana e da contorna da Capela dos Remedios.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou o resultado das obras da 2ª fase da posta en valor e acondicionamento da Ponte Romana e da súa contorna, que completan as realizadas nunha 1ª fase, centradas na recuperación da propia ponte na que se dotou, ademais, de iluminación específica para realzar a súa monumentalidade, cun investimento de máis de 0,5 M€.

A conselleira referiuse á mellora radical e substancial da contorna da Ponte Romana e da Capela dos Remedios que supuxo esta 2ª fase das obras, grazas a un novo investimento da Xunta de 1,1 M€, que tamén permitiu gañar novos espazos públicos para os ourensáns no barrio do Couto.

Tal e como indicou, levouse a cabo unha actuación ampla e ambiciosa con dous ámbitos diferenciados.

Por un lado, mellorouse a conexión entre a Ponte Romana e a Capela dos Remedios, abrindo o espazo para poñer en valor a súa relación histórica. Tamén se construíu un novo acceso ao Paseo das Ninfas, que gaña en accesibilidade a través dun espazo aberto con ramplas, escaleiras, mobiliario urbano e mesmo unha fonte de auga potable.

A conselleira explicou que na intervención, ademais, mellorouse a conexión entre a Ponte Romana e a Ponte do Milenio, para o que de lle deu continuidade á beirarrúa a través do arco esquerdo da Ponte Romana, acondicionando o camiño entre as dúas estruturas.

Salientou como elementos fundamentais para gañar espazo urbano para os ourensáns, a eliminación do tráfico rodado e a recuperación para o uso peonil do tramo final da Ponte e do acceso ao pavillón e á Capela dos Remedios. Tamén se dotou a zona de novas instalacións de abastecemento de auga, de telecomunicacións, de rego e de alumeado led.

Xunto con isto, tal e como referiu Ethel Vázquez, os traballos de acondicionamento da Ponte Romana levaron aparellada unha importante intervención no barrio do Couto, onde se executou un novo skate park, dado que era preciso retirar o existente da contorna da Capela dos Remedios. O novo skate park, integrado na contorna, con 775 m2 e executado en formigón, foi posto xa en servizo o pasado ano, xusto cando se empezou a traballar no antigo espazo, mantendo sempre unha pista dispoñible.

Ethel Vázquez referiuse tamén á construción do pump track no Parque das Letras, unha vez superados os problemas afrontados para acadar a autorización do Ministerio de Transportes. Ese espazo púxose hoxe en servizo cunha exhibición de deportistas nas novas pistas de skate e de bicicletas. Trátase dun novo espazo para a práctica do deporte e do lecer con 570 m2 de superficie que executou a Xunta, ampliando considerablemente o alcance da actuación de posta en valor da Ponte Romana.

A titular de Infraestruturas adiantou, ademais, que xa se están a ultimar os trámites para construír nos vindeiros meses unha fonte ornamental que aproveite o foco de augas termais identificado nesta zona.

Ethel Vázquez salientou o traballo da Xunta por mellor a calidade de vida dos veciños de Ourense e por reforzar o atractivo da cidade, a única urbe galega que recibe xa o tren de alta velocidade, destacou.

Nesta liña fixo fincapé nos investimentos que vén facendo o Goberno galego na cidade, como a mellora da seguridade viaria que se está a executar en Seixalbo; a ampliación do Hospital, que pronto comezará; a nova residencia; ou a estación intermodal á que xa chegou o AVE pero pendente aínda da reforma ferroviaria que debe executar o Goberno de España.

Recuperación da Ponte Romana e da contorna da Capela dos Remedios