martes. 04.11.2025

A Real Academia Galega de Ciencias premia a investigación punteira en biomedicina e a transferencia tecnolóxica contra a obesidade

 A Real Academia Galega de Ciencias recoñeceu a excelencia de dous proxectos punteiros nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2025: unha innovadora tecnoloxía para producir aeroxeles estériles con aplicacións biomédicas, desenvolvida na USC, e a transferencia dunha prometedora terapia contra a obesidade á spin-off galega Gazella Biotech.
A RAGC premia a vangarda científica galega con foco en novos materiais biomédicos e terapias innovadoras contra a obesidade.
A RAGC premia a vangarda científica galega con foco en novos materiais biomédicos e terapias innovadoras contra a obesidade.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, desvelou os gañadores dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2025, uns galardóns que recoñecen a excelencia na investigación aplicada e os casos de éxito na conexión entre o coñecemento científico e a sociedade. Un total de 80 propostas competían por estes premios, cuxos dous proxectos distinguidos recibirán 5.000 euros cada un nun acto que terá lugar o vindeiro 11 de xuño no Pazo de San Roque.

O premio “Francisco Guitián Ojea” á investigación aplicada foi concedido a un equipo do Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago (USC), liderado por Carlos García, polo seu proxecto de produción sostible de aeroxeles estériles para aplicacións biomédicas. Esta tecnoloxía emerxente destaca pola súa ultralixeireza (ostentando o récord Guinness), a súa alta porosidade e a súa elevada superficie específica, con potenciais usos que van desde illantes térmicos ata a biomedicina. Os investigadores da USC lograron, por primeira vez, producir estes materiais de forma estéril, abrindo as portas a aplicacións en implantes óseos, administración de fármacos pulmonares e tratamento de feridas. A tecnoloxía, xa patentada, foi recoñecida internacionalmente pola súa singularidade e ecoeficiencia e atópase en fase de valorización con empresas galegas.

2 equipo_miguel_lopez
O equipo de liderado por Carlos García.

Pola súa banda, o premio “Fernando Calvet Prats” ao mellor caso de éxito de transferencia tecnolóxica a unha empresa recaeu no grupo de investigación NeurObesity do CiMUS da USC, coordinado por Miguel López. A súa tecnoloxía foi transferida a Gazella Biotech, unha spin-off da USC fundada en 2024 que se centra no desenvolvemento de terapias avanzadas contra enfermidades metabólicas, principalmente a obesidade. A empresa traballa nunha nova terapia baseada en pequenas vesículas extracelulares para modular o equilibrio enerxético, ofrecendo unha alternativa prometedora aos tratamentos actuais. En ensaios preclínicos, esta terapia mostrou resultados moi positivos na mellora da obesidade e o metabolismo sen efectos adversos, publicándose en revistas científicas de alto impacto. O desenvolvemento desta terapia representa un avance na medicina de precisión con potencial impacto en obesidade, enfermidades metabólicas, neurolóxicas, oncolóxicas e accidentes cerebrovasculares.

A Real Academia Galega de Ciencias premia a investigación punteira en biomedicina e a...
Comentarios