viernes. 19.04.2024

Coincidindo co 134 aniversario do nacemento de Ramón Otero Pedrayo, a Xunta de Galicia e a Fundación dedicada ao autor celebraron hoxe a entrega dos galardóns do primeiro premio anual Otero Pedrayo para estudantes da ESO e Bacharelato destinado a contribuír ao coñecemento da personalidade dun dos membros clave do Grupo Nós e perpetuar así a súa memoria e obra entre a mocidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o presidente da dita fundación, Eduardo López Pereira, entregáronlle o premio individual, un ordenador portátil, a Hadrián Félix Neira Varela, estudante de segundo de Bacharelato do instituto IES Eduardo Pondal, de Ponteceso, polo traballo presentado baixo o pseudónimo ‘Palaseu’ e co lema Granito.

Pola súa banda, o premio colectivo recaeu na clase de segundo de Bacharelato dese mesmo centro, que, baixo o pseudónimo O Clan dos Pedrayo, entregou un interesante traballo que afonda no estudo da etnografía, das construcións populares e da arquitectura tradicional da comarca de Bergantiños. Este grupo, composto por 11 estudantes, foi premiado cunha ruta cultural que comezou no castro de San Cibrán de Las e rematou cun roteiro literario oteriano por Ourense.

Valentín García agradeceu a implicación dos centros educativos participantes e sinalou que todo o alumnado que se presentou ao certame “é vencedor desta convocatoria ao achegarse á impresionante figura de Otero Pedrayo, un home dunha cultura inmensa e un modelo de coherencia, de traballo constante e de fe no futuro da lingua e da cultura de Galicia”, sinalou antes de referirse ao autor como “un magnífico referente para a mocidade, que, polo que os traballos premiados amosan, sabe, de feito, seguir os seus pasos”.

Canda o representante de Política Lingüística tamén participaron neste acto, que acolleu a casa-museo Otero Pedrayo, na parroquia de Trasalba, Xesús Alonso Montero, presidente do xurado; Patricia Arias Chachero, secretaria do xurado e da fundación; César Fernández Gil, vicepresidente da Deputación de Ourense; José Luis González López, alcalde de Amoeiro; Daniel Lorenzo Valdivieso, director do instituto IES Otero Pedrayo e os premiados, que asistiron acompañados dos seus profesores.

Primeiro premio anual Otero Pedrayo a estudantes da ESO e Bacharelato