domingo. 08.12.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu esta tarde en Sarria a entrega de galardóns aos gañadores da 12ª edición dos premios ao Desenvolvemento Rural que promove a Xunta. Neste acto recoñeceuse o labor de oito asociacións, empresas ou particulares que teñen sobresaído como as mellores iniciativas a prol do desenvolvemento rural na nosa comunidade. Neste acto, o conselleiro salientou a cantidade de proxectos que foron presentados este ano, xa que o número de candidaturas chegou a 82, sendo 16 máis que na pasada edición. Sobre os gañadores, José González avaliou brevemente cada unha das iniciativas.

Así, en relación coa categoría de mocidade, felicitou os promotores do aloxamento Abeiro da Loba, situado no Camiño Norte a Santiago, e lembrou a aposta da Consellería pola remuda xeracional no agro, que se pon de manifesto -sinalou- cunha liña de axudas que beneficiou preto de 4.100 mozos desde o ano 2009, cunha achega total próxima aos 118 millóns de euros.

En relación coa categoría de Paisaxe rural, o conselleiro trasladou os seus parabéns á cooperativa de carne A Carqueixa, que agrupa máis de 200 socios e xestiona arredor de 2.200 hectáreas de terreo nos Ancares lucenses. Sobre o eido da carne, José González lembrou o apoio da Xunta a este sector a través dunha estratexia específica na que se está a traballar, centrada na mellora da rendibilidade dos nosos gandeiros, en colaboración con todos os elos da cadea de valor. Trátase dun plan monográfico para incentivar os produtores e fomentar o consumo de carne, entre outros obxectivos.

INTERESE SOCIAL

Outra das categorías premiadas é a de proxectos de interese social e neste caso a gañadora foi a asociación Ámbar que, tal e como destacou o conselleiro, é un colectivo “pioneiro no Barbanza, que se centra no eixo máis humano, traballando polos dereitos das persoas con diversidade funcional desde 1982”.

No eido do Turismo, o galardón deste ano foi para o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas Betanzos, pola súa xestión da reserva da biosfera Mariñas coruñesas e terras do Mandeo. O conselleiro resaltou que con este tipo de iniciativas se amosa a importancia dos GDR “para a dinamización do noso rural”. Nesta liña, reiterou o apoio da Xunta a estes grupos e puxo en valor o feito de Galicia foi unha das primeiras comunidades en garantir a continuidade dos GDR ata o ano 2023, cunha inxección total de 10,5 millóns de euros, destinados a financiar a súa actividade.

SECTOR AGROGANDEIRO

José González agradeceu tamén a contribución da Federación Boaga, recoñecida no apartado do sector agrogandeiro, á defensa e potenciación das razas gandeiras autóctonas galegas en perigo de extinción. No que atinxe á categoría de Recuperación e posta en valor da terra agraria, o conselleiro sinalou que co recoñecemento a Dolores Vázquez, produtora de carne de vacún amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega Suprema, “premiamos o combate contra o abandono, a prol da mobilización de terras agrarias”.

Dentro da categoría de Innovación tecnolóxica, o galardón nesta edición foi para Innogando, un proxecto que José González definiu como “nacido no rural e para o rural, que pretende a mellora da calidade de vida do gando e do gandeiro”. Esta iniciativa puxo en marcha, entre outras utilidades, un asistente virtual para as explotacións de vacún que se basea na monitorización da xeolocalización e actividades que realizan as reses, para saber se cada animal está descansando, camiñando, correndo, rumiando ou pacendo, e onde o fai, entre outra información.

MULLERES RURAIS

Por último, o conselleiro puxo tamén en valor o premio na categoría de Mulleres, que recaeu nas cinco promotoras da empresa de cosmética natural Muuhlloa. Así, neste contexto, González destacou o “esforzo e dedicación das nosas mulleres rurais, que sempre foron o verdadeiro referente do agro e que hoxe en día seguen a capitanear o seu desenvolvemento”.

Como conclusión, o conselleiro remarcou que estes premios representan “un recoñecemento ao emprendemento no rural, non só no terreo económico, senón tamén no eido social, cultural, da innovación ou da recuperación da terra”. Sobre este último aspecto, José González lembrou a importancia da Lei de recuperación, unha norma que, engadiu, “xa está a dar os seus froitos” coas 14 aldeas modelo xa aprobadas, o medio cento que se atopan en trámite e a decena de polígonos agroforestais que se están a poñer en marcha.

A relación dos galardoados nesta 12ª edición, nas diferentes categorías, é a seguinte:

CategoríaCandidatura
MocidadeSabalogal S.L. (aloxamento Abeiro da loba)
Paisaxe ruralSociedade Cooperativa A Carqueixa
Proxectos de interese socialAsociación Ámbar
TurismoAsociación Mariñas Betanzos
Sector agrogandeiroFederación razas autóctonas (Boaga)
MulleresCosmética Muuhlloa S.L.
Innovación tecnolóxicaInnogando S.L.
Recuperación e posta en valor da terra agrariaMª Dolores Vázquez Carballés

Premios ao Desenvolvemento Rural