sábado. 20.04.2024

A directora xeral de Planificación e Reforma sanitaria, Estrella López-Pardo, presidiu na tarde de onte, a reunión na que se constituíu a Comisión independente de seguimento da implantación da estratexia “Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde”.

A comisión de seguimento terá como obxectivo a avaliación continúa da implantación por parte da Consellería de Sanidade da estratexia “Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, que representa, xunto ao Plan Galego de atención primaria 2019-2021, o marco sobre no que se sustentará o novo modelo a desenvolver neste nivel asistencial.

Entre as funcións encomendadas á Comisión de Seguimento, destacan a avaliación do plan de implementación focalizándose nas medidas urxentes a establecer para mellorar a carga asistencial identificando os dispositivos mais frecuentados, a xestión da demanda, as axendas de calidade, a accesibilidade na atención, o relevo xeracional, a distribución xeográfica dos recursos asistenciais, a autonomía na xestión dos centros por parte dos xefes/coordinadores de servizo e a capacidade formativa e investigadora en atención primaria.

A Comisión está formada por 17 expertos, entre os que se atopan médicos de familia, pediatras, persoal de enfermaría e membros da universidade, cunha contrastada traxectoria científica e profesional.

Así, os seus membros proporán, de ser preciso, as medidas correctoras que sexan necesarias para unha adecuada implantación das accións organizativas ligadas ao novo modelo, valorando tamén alternativas que melloren tanto a dotación de recursos como a competencia profesional.

No transcurso da xuntanza, López-Pardo trasladou aos membros da Comisión de Seguimento a posibilidade de contar co apoio de sistemas de indicadores corporativos; enquisas de satisfacción; e mesmo do programa HEXIN, unha ferramenta innovadora para abordar a xestión da información sanitaria, así como os datos clínicos ou epidemiolóxicos.

COMISIÓN

A Comisión independente de seguimento para implantación da estratexia “Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, está formada por 17 expertos, entre os que se encontran médicos de familia, pediatras, persoal de enfermaría e membros da universidade. Todos eles nomeados polo Servizo Galegos de Saúde de acordo á súa contrastada traxectoria científica e profesional.

Nomeadamente, conforman a Comisión de seguimento: Daniel Rey Aldana, Lorenzo Armenteros del Olmo, Manuel Domínguez Sardiña, Manuel Portela Romero, Susana Aldecoa Landesa, María Rey Grandal, Soraya Meijome Blanco, María del Pilar González Iglesias, Ana María Ares Martínez, Francisco Javier Rodríguez Iglesias, Francisco Gude Sampedro, Alberto Ruano Raviña, Ana Clavería Fontán, Inés del Río Pastoriza, José Luis Jiménez Martínez, Benjamín Abarca Buján e Carlos Bastida Calvo.

'Por unha atención primaria vertebradora do Sistema de Saúde'