sábado. 04.05.2024

Os resultados dos últimos estudos e investigacións sobre o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia foron materia nunha xornada técnica na que participaron como relatores profesores das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo de diferentes especialidades relacionadas coa conservación e preservación deste espazo natural.

Durante a inauguración da xornada, que este ano está dedicada ao biólogo Rafael Romero Suances ‘Chiño’, recentemente falecido, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, incidiu na importancia que ten a investigación á hora de planificar e levar a cabo actuacións no parque, xa que poñen de relevo tanto a singularidade da contorna que o conforma como as problemáticas ás que cómpre buscar solucións.

Nesa liña, Do Campo salientou os traballos realizados no ano 2022 para censar as poboacións de aves mariñas no parque e fixo especial fincapé no seguimento que se está a facer do corvo mariño a través da xeolocalización de sete exemplares desta especie. A maiores, anunciou que xa se está a traballar na busca de solucións á alta mortalidade estacional de crías de gaivota patiamarela que se detectou ao facer o censo desta especie.

Ao longo desta xornada, que se desenvolverá ao longo do día de hoxe e mañá pola mañá, tamén se analizará o seguimento ambiental que se fai dos principais hábitats mariños que caracterizan os fondos do parque a través de inmersións de mergulladores científicos para a toma de datos.

Así mesmo, abordaranse as actuacións necesarias para garantir a conservación dos ecosistemas terrestres, costeiros e dunares que conforman este espazo protexido. A directora xeral puxo en valor a importancia de contar con información cartográfica para coñecer as zonas nas que actuar de cara a evitar a súa degradación e determinar a necesidade de eliminar especies de flora invasora de forma mecánica ou manual.

De feito, no que atinxe ás especies invasoras, Do Campo explicou que non só se traballa na eliminación de especies invasoras, senón que tamén se está a implementar un plan de dispersores de sementes para recuperar os espazos ocupados anteriormente por especies exóticas. “Os traballos consisten nunha rexeneración a través da implantación de puntos de vexetacións con potencial para ser dispersada pola fauna local”, detallou a directora xeral.

Logo de valorar a necesidade de controlar tamén a fauna invasora, Do Campo concluíu aseverando que a Xunta mantén o seu compromiso de preservar a biodiversidade e os recursos naturais do Parque Nacional das Illas Atlánticas facendo fronte aos principais riscos que encara como as especies exóticas invasoras, a contaminación e o cambio climático

Plan de dispersores de sementes para recuperar os espazos ocupados anteriormente por...
Comentarios