viernes. 29.03.2024

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, o cumprimento das medidas recollidas no Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun financiamento de 4,5 millóns de euros.

Logo de incidir en que “o 42% do territorio galego está protexido” tras a declaración por parte da Unesco da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel como Reserva da Biosfera, Feijóo salientou que “estamos ordenando o territorio con medidas de protección, con rehabilitación de vivenda e con turismo sostible”.

Feijóo explicou que xa están en marcha actuacións por valor de 700.000 euros en materia paisaxística e que se dispuxeron axudas por valor de 1,7 millóns de euros para actuacións na área de rehabilitación integral. Tamén se traballa na mellora de espazos públicos de interese patrimonial que se atopan deteriorados a través do Plan Hurbe. “Estamos dedicando 1,3 millóns de euros para distintos convenios con estes concellos”, aseverou.

O presidente da Xunta engadiu que o Plan prevé, ademais, o desenvolvemento de figuras de ordenación do territorio como o Plan de ordenación do medio físico de San Fiz de Asma (Chantada) ou o Plan territorial integrado para mellorar a ordenación urbanística dos 14 concellos considerados de máxima protección do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra.

Outro eixo de especial atención é a conservación e mellora dos elementos naturais neste espazo como son as árbores, polo que se elaborou e definiu unha guía cunha ruta de árbores con historia de acceso libre e gratuíto desde a web da Xunta.

Finalmente, tamén se impulsaron varios estudos e investigacións sobre o fenómeno global no sector do viño e reforzamos a rede de sistemas de observación, monitorización e bases de datos que MeteoGalicia dispón na zona.

“En suma, temos unha oportunidade histórica para estes concellos e, sen dúbida, pode haber un antes e un despois desde o punto de vista turístico”, concluíu Feijóo.

Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra