viernes. 26.04.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe catro convocatorias de procesos selectivos para cubrir 263 prazas de emprego público. Trátase de prazas de persoal funcionario e persoal laboral fixo dos niveis máis altos da Administración galega. Todas son de libre acceso e forman parte das 1.161 prazas anunciadas en outubro.

As convocatorias publicadas hoxe inclúen procesos selectivos para reforzar os distintos centros e servizos da Administración autonómica. En concreto, convócanse 133 prazas no corpo superior (A1) –máis do triplo que na convocatoria de 2018- e 65 prazas no corpo de xestión (A2), o que supón un incremento de máis do dobre con respecto ás convocadas o ano pasado. Inclúense tamén 43 prazas para persoal laboral fixo do grupo I e 22 para o grupo II.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición tal e como se recolle nos Acordos de estabilización asinados entre a Administración galega e as organizacións sindicais. Os primeiros exercicios dos procesos selectivos de persoal funcionario serán simultáneos e coincidentes cos do persoal laboral.

Todas as convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deben posuír as persoas que queren inscribirse nas probas, os exercicios a realizar e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos. Posteriormente, a Xunta publicará a lista de persoas admitidas e excluídas en cada convocatoria.

Ademais, Xunta e sindicatos continúan negociando as convocatorias de promoción interna para estes corpos e escalas.

20 DÍAS HÁBILES

O prazo de inscrición abre mañá e remata o vindeiro 26 de decembro co que as persoas interesadas en participar terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude que se facilita gratuitamente na Internet, e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala.

O DOG publica catro convocatorias de procesos selectivos para cubrir 263 prazas de...