jueves. 28.03.2024

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) poñen en marcha a actividade “Encontros con Profesionais TIC”, unha serie de xornadas online entre rapaces e rapazas e profesionais TIC, no marco do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades e enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020.

Neste novo contexto da distancia social e as reunións dixitais que se vive actualmente a causa da pandemia da covid-19, esta actividade desenvolverase nas vindeiras semanas coa celebración de 30 encontros en streaming entre un profesional TIC e un grupo de 12 rapaces e rapazas de 6 a 18 anos, que poderán interactuar co relator e con calquera dos asistentes. Ademais, o resto de persoas inscritas poderán seguir as charlas a través da canle de Youtube “CPEIG VIDEOS” e no Facebook do CPEIG, aínda que só os rapaces partipantes e os profesionais TIC poderán intercambiar impresións e dúbidas durante os encontros. Os interesados en participar poden inscribirse e atopar información sobre os encontros nos seguinte enlace: https://www.cpeig.gal/encontrosTIC.

TEMÁTICAS

As temáticas dos encontros serán sobre axencias dixitais, publicidade en internet, internet das cousas, coches autónomos, asistentes de vos, cidades intelixentes, deporte e tecnoloxía, empresa na nube, robótica, animación 3D ou videoxogos. Nelas participarán diferentes expertos, a maioría deles colexiados e colexiadas do CPEIG, creadores de personaxes 3D, deseñadores de videoxogos, experto en intelixencia artificial, o investigadores e enxeñeiros de software e hardware, especialistas en industria 4.0., expertos en seguridade informática, peritos informáticos, xerentes de tendas de comercio ou directivos de empresas tecnolóxicas.

O primeiro encontro celebrarase mañá martes, 20 de outubro, ás 17:00 horas, entre o xefe de proxecto en Minsait, Diego Cid, e un grupo de doce nenos e nenas de ata 9 anos. O experto falará aos rapaces do proceso de desenvolvemento de software e os diferentes pasos e actores. Diego Cid conta con máis de 15 anos de experiencia en desenvolvemento de software en diferentes tecnoloxías e sectores. Actualmente está implicado en proxectos do sector das administracións públicas.

A continuación, ás 18:15 horas, dirixirá un encontro o presidente do CPEIG, do Consello Nacional de Colexios Profesionais en Enxeñaría Informática e director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Fernando Suárez. Falará a rapaces de todas as idades sobre as cidades intelixentes.

O CPEIG e a Amtega poñen en marcha encontros dixitais con profesionais TIC para rapaces...