martes. 30.04.2024

O Consorcio

de Santiago acaba de licitar o servizo de mantemento e reparación dos  pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica

para os vindeiros doces meses por un importe global de 187.095 euros. As

empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 9 de marzo para presentar as

súas propostas.  

“A pedra que pisas” é un

programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo

Consorcio de Santiago dende o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha

dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de

60.000 metros cadrados de lousados de granito do casco histórico compostelán. Diferentes

equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de

pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas,

baixo a planificación da Oficina Técnica do Consorcio.

O

obxecto prioritario deste servizo é garantir a seguridade dos peóns e dos cidadáns

que se moven a pé pola cidade histórica. Con este propósito, un equipo de

canteiros dedícase en exclusiva a reparar de maneira inmediata calquera

situación de risco para os viandantes. “Dáse a circunstancia de que son os

vehículos, en particular os camións de reparto de mercadorías e outros servizos,

os que están a provocar os danos de xeito recorrente sobre as mesmas áreas”

-manifestan os técnicos do Consorcio-.

Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado ao enderezo [email protected]. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de subsanar o desperfecto.

Este programa

busca ademais garantir a mellor conservación dos lousados, tendo en conta que “o

pavimento da cidade histórica é unha auténtica fachada horizontal de pedra pola

que non só camiñan os cidadáns, senón que tamén discorren as augas cara aos

sumidoiros e, por debaixo da cal, se atopan as infraestruturas indispensables

para garantir a habitabilidade, a produtividade e a competitividade da cidade”

-salientan os técnicos-.

O Consorcio de Santiago licita o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos da...