jueves. 28.03.2024

A Xunta de Galicia e a Fundación Otero Pedrayo veñen de convocar un novo premio anual dirixido de xeito específico ao alumnado que cursa estudos de ESO e Bacharelato nos centros educativos galegos, e para traballos escritos e audiovisuais en lingua galega e cuxos requisitos poden consultarse no Portal da Lingua Galega e no web da Fundación Otero Pedrayo.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, presentaron esta mañá o galardón que completa o xa clásico Premio Otero Pedrayo das letras galegas que se outorga desde o ano 1977.

O representante da Cultura, Educación e Universidade destacou a importancia de “difundir entre as novas xeracións o coñecemento dunha figura coma a de Ramón Otero Pedrayo, caracterizada por unha coherencia e unha constancia admirables na defensa de Galicia e da súa lingua, tanto en tempos de democracia coma en tempos de ditadura en que tal posicionamento supoñía, como a el lle supuxo, a ameaza e o castigo”.

PREMIOS

Partindo da premisa de que o escritor ourensán é materia de estudo nos institutos galegos, ambas as institucións impulsan este premio para contribuír ao coñecemento da personalidade dun dos membros clave do Grupo Nós e perpetuar así a súa memoria e obra entre os mozos e mozas galegos.

O certame ofrece dúas categorías posibles de participación, unha individual e outra en grupo. De ambas as categorías sairán dous gañadores, un para o mellor traballo escrito ou audiovisual realizado por estudantes da ESO e outro para o realizado polos estudantes de bacharelato.

O prazo para a presentación dos traballos rematará o 15 de xaneiro do vindeiro 2022. O premio consistirá nun ordenador portátil, para a categoría individual, e nunha viaxe de estudos dunha xornada de duración, no caso dos participantes en grupo. Os galardóns serán entregados en Trasalba o 5 de marzo, data conmemorativa do nacemento de Ramón Otero Pedrayo.

XELA ARIAS

Ourense tamén foi hoxe o escenario da inauguración da exposición itinerante Asinamos ser libres. A mostra forma parte da homenaxe a Xela Arias, figura das Letras Galegas 2021, e percorre desde o pasado maio distintas localidades galegas, 11 en total.

A Biblioteca Pública de Ourense é a novena parada desta exposición que permanecerá na cidade das Burgas ata o 7 de novembro. De aí pasará a Boiro e, finalmente, rematará a súa andaina na Fundación Curros Enríquez o próximo 17 de decembro.

Comisariada pola profesora e biógrafa María Xesús Nogueira, autora dos textos, e producida por Ouvirmos S.L., a mostra conta con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo Edicións Xerais de Galicia. A través dos seus 12 paneis, que poden verse tamén en liña, o visitante poderá profundar na vida e obra de Xela, desde a súa infancia ata o seu derradeiro poemario, Intempériome.

Novo premio para traballos en lingua galega dirixido a estudantes de ESO e Bacharelato