miércoles. 24.04.2024

A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta mañá en Madrid ao acto de presentación de España Artesana, unha plataforma dixital de divulgación e difusión da mestría artesá de todo o país, impulsada pola Asociación Contemporánea de Artes y Oficios en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte. Entre os profesionais que polo de agora se inclúen nesta plataforma atópanse un total de 31 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en diferentes oficios, entre os que se atopan representantes de tres das olerías tradicionais aínda activas en Galicia: Buño (Malpica de Bergantiños) a través de Alfarería Aparicio e de Alfarería Rulo; Gundivós (Sober), a través de Rectoral de Gundivós; e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo), grazas a Alfarería Agustín.

Entre os representantes dos oficios tradicionais atópanse Campanas Ocampo (Caldas de Reis), o cesteiro Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) –Premio Artesanía de Galicia 2021– a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso), o Obradoiro de Gaitas Seivane, galardoado co Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2021 e co Premio Nacional de Artesanía 2013, o obradoiro de elaboración de zocos Eferro (Vila de Cruces) –Premio Nacional de Artesanía 2019– ou as carpinterías de ribeira Astilleros Abeijón Hermanos (Outes), Astilleros Catoira (Rianxo) e Astilleros Fra (Cervo).

No eido da cerámica están representados Ojea Studio (Vigo), cuxa titular, Paula Ojea, participou na presentación celebrada hoxe en Madrid; Ana Tenorio do obradoiro Witchneeds (Vigo), Premio Artesanía de Galicia 2018; e Cerámica Unzueta (Brión). En canto á madeira inclúense os obradoiros Woodworks Buschmann (Corcubión), Premio Artesanía de Galicia 2019; Xar Arte Madera (Vigo) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela). Tamén están presentes os obradoiros especializados en xoiería e ourivería de Fernando Gallego (Outes) e os composteláns Susi Gesto; Katuxa Platero; Noroeste Obradoiro, Premio Artesanía de Galicia 2016 e Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021; e Xoiería Ricardo, Premio Traxectoria 2020. 

Completan a plataforma a día de hoxe os obradoiros Anaquiños de Papel (A Coruña), gañador da Bolsa Eloy Gesto 2018; Boina Galega (Santiago de Compostela); o obradoiro de coitelos de Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada); o de téxtil de Inés RIR&Co (Allariz), gañadora do I Certame de Materiais Innovadores 2022; as esculturas téxtiles de Mercedes Vicente (Brión), finalista do Loewe Crafts Prize 2018; o obradoiro de coiro de Santiago Besteiro (Monterroso) e os obxectos de corda de algodón de Degerónimo (Santiago de Compostela).

O obxectivo da plataforma España Artesana é achegarlle a artesanía aos novos públicos dixitais, tanto nacionais coma internacionais, darlle visibilidade aos profesionais, así como aos seus oficios, e difundir o produto artesán contemporáneo a través da súa plataforma de e-commerce, na que se ofrecerán unha selección de pezas únicas tanto pola súa creatividade e deseño como pola calidade e a mestría da súa manufactura.

España Artesana busca conectar o pasado co presente, actualizando as propostas de obradoiros e oficios en risco de exclusión e facilitándolle aos artesáns unha vía para innovar e dixitalizar a súa actividade, renovar o seu público e dinamizar a súa comercialización.

Nova plataforma dixital España Artesana
Comentarios