domingo. 14.07.2024

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asistiu este martes á presentación do bus lanzadeira de acceso ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, unha iniciativa coa que se pretende reducir o tráfico privado para preservar a contorna natural e que forma parte da aposta da Xunta pola mobilidade sostible na Ribeira Sacra co fomento de medios de transporte público.

O bus lanzadeira é unha das actuacións que se están levando a cabo no Plan de Sustentabilidade na Ribeira Sacra, impulsado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, para evitar que o incremento da demanda turística xere un impacto crecente sobre o territorio. Con este obxectivo, preténdese reducir a presenza de vehículos privados, favorecendo un uso dos espazos públicos máis sostible e seguro.

Entre as medidas adoptadas figura a creación dunha liña de transporte público ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil que fará o seu percorrido de mércores a domingo, con frecuencias e prezos atractivos e con efecto disuasorio cara o uso do vehículo privado.

O Plan de Sustentabilidade Turística na Ribeira Sacra suporá un investimento de 1,8M € neste territorio, dos que a Xunta fai unha achega de 850.000 euros. O resto do investimento corre a cargo da Secretaría de Estado de Turismo e do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

O plan permitirá levar adiante un conxunto de actuacións co obxectivo de garantir a sustentabilidade ambiental, económica e social no proceso de consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico.

Mobilidade sostible na Ribeira Sacra