viernes. 06.12.2024

Diario Oficial de Galicia publica este martes a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación, cunha dotación de 6M€. Desta contía, 5,3 M€ son para proxectos no exterior de ONGD e os 700.000 euros restantes para proxectos no exterior doutros axentes.

Así, pódense beneficiar da iniciativa as ONGD, as universidades galegas e as súas entidades dependentes, as cooperativas, empresas e asociacións empresariais, as organizacións sindicais, as comunidades galegas no exterior e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a cooperación para o desenvolvemento, que estean inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento. Os proxectos financiados deben iniciarse en 2023.

A través desta orde apóianse accións para propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario.

Preténdese así dar cobertura ás necesidades sociais básicas, como a educación e a saúde, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos, a habitabilidade e tamén a promoción do tecido económico en materia de agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura.

NOVIDADES

Como novidade, pódese solicitar o anticipo previsto para a segunda anualidade cunha porcentaxe de execución da primeira anualidade do 75 %, cando anteriormente se esixía o 100 %. Ademais, permítese presentar a documentación xustificativa nun prazo de tres meses desde que finalicen as actividades subvencionadas e duplícase o período de execución dos proxectos, de tres a seis meses. Estas modificacións resultan da adaptación da nova Lei 10/2021, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento da comunidade.

Coa finalidade de acadar unha maior redistribución dos fondos pódense financiar como máximo dous proxectos, tanto no caso de execución por parte de ONGD como doutros axentes, sexa individuais o en agrupación. Deben cumprir o requisito de que polo menos un dos proxectos sexa executado nun país definido como prioritario no IV Plan Director da Cooperación Galega, isto é, Nicaragua, Guatemala, Honduras, O Salvador, A República Dominicana, Perú, Ecuador, Bolivia, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde. A igual que na convocatoria do 2022, a subvención distribúese cun 40 % en 2023 e un 60 % en 2024.

As entidades interesadas en optar ás axudas deben presentar as solicitudes obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no prazo dun mes a partir de mañá.

Liña de apoio aos proxectos de cooperación para o desenvolvemento
Comentarios