jueves. 28.03.2024

Unha investigación serve para analizar as posibilidades técnicas para a retirada de aluminio das augas de abastecemento

Os traballos, adxudicados á empresa Indrops Laboratorio de Análisis y Calidad Medioambiental S.L. por importe de 18.000 euros, forman parte da iniciativa que está a desenvolver a Xunta nos concellos de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade para a elaboración e implantación de plans de abastecemento autónomo.
Lavadoiro da Xunqueira-Lago, en Candeán
Lavadoiro da Xunqueira-Lago, en Candeán

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, impulsa un proxecto piloto para o estudo da eliminación do aluminio nas augas de consumo humano nos sistemas de abastecemento autónomo de Galicia.

Os traballos, adxudicados á empresa Indrops Laboratorio de Análisis y Calidad Medioambiental S.L. por importe de 18.000 euros, forman parte da iniciativa que está a desenvolver a Xunta nos concellos de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade para a elaboración e implantación de plans de abastecemento autónomo.

A través deste contrato analizaranse as posibilidades técnicas para a retirada de aluminio das augas de abastecemento, avaliando tanto as formas en que o aluminio está presente como as técnicas posibles para a súa eliminación.

Para iso, porase en marcha unha planta experimental no concello de Oia para a eliminación de aluminio nunha traída seleccionada, incluíndo a análise da auga de distintos pozos de barrena localizados no entorno dos puntos de captación.

Fortalecemento das pequenas subministracións nas comunidades rurais

As principais conclusións obtidas neste estudo incorporaranse aos traballos de elaboración dos plans de abastecemento autónomo, que comezaron no verán do pasado ano, e permitirán que os concellos seleccionados obteñan información detallada sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á poboación, máis alá das súas redes municipais. Tamén permitirán contar cun instrumento básico para planificar e priorizar as intervencións de mellora precisas, o que redundará na mellor prestación deste servizo básico á poboación.

Esta iniciativa forma parte do traballo da Xunta para a promoción da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo entre os concellos galegos de menos de 5.000 habitantes, ao que está a destinar un investimento autonómico de 900.000 euros.

O obxectivo é dotar as entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servizo, de competencia municipal.

A Xunta ten entre un dos seus obxectivos estratéxicos fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou, en xeral, moito menos eficaz para estes lugares.

Na actualidade, en Galicia máis de 650.000 persoas consumen auga a través de solucións autónomas.

A entidade hidráulica da Xunta traballa así en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento. Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da liña de subvencións para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais.

Doutra banda, con este programa, cuxa convocatoria pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus municipios, e ás propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo.

Unha investigación serve para analizar as posibilidades técnicas para a retirada de...
Comentarios