martes. 28.05.2024

O inverno climatolóxico 2023-2024 en Galicia, o cuarto máis cálido da serie histórica

Xaneiro e febreiro foron especialmente calorosos, o que situou a temperatura deste inverno 1,5 graos por enriba da media histórica, ao tempo que o mes de xaneiro se converteu no máis cálido dos últimos 58 anos, case seis décadas. 
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións visitou as instalacións de MeteoGalicia.
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións visitou as instalacións de MeteoGalicia.

O inverno climatolóxico 2023-2024 (decembro, xaneiro e febreiro) en Galicia foi o cuarto máis cálido da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha temperatura media de 10 graos centígrados. Así o destacou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a MeteoGalicia con motivo da presentación do balance climatolóxico desta estación.

A responsable autonómica detallou que xaneiro e febreiro foron especialmente calorosos, o que situou a temperatura deste inverno 1,5 graos por enriba da media histórica, ao tempo que o mes de xaneiro se converteu no máis cálido dos últimos 58 anos, case seis décadas. 

A vicepresidenta segunda en funcións tamén destacou que o volume de choivas rexistrado -522 litros por metro cadrado- é un 18% superior ao que vén sendo habitual neste período, especialmente polas abondosas precipitacións do mes de febreiro. Neste caso, mentres as choivas de decembro e xaneiro estiveron dentro da normalidade, o mes pasado caracterizouse por precipitacións moi superiores ao agardado cunha media de 196 litros por metro cadrado, un 64% por enriba do valor climatolóxico desta estación.

Ángeles Vázquez salientou que este balance é froito dos datos que diariamente recollen as estacións -11 de temperatura e 16 de precipitacións- que hai repartidas pola xeografía galega e que contribúen a facer un seguimento e análise continua dos fenómenos meteorolóxicos e climáticos. Por iso, puxo en valor a importancia de mantelas en bo estado e optimizar as súas prestacións de xeito constante.

CALIDADE DO AIRE

Nesta liña, a responsable autonómica incidiu en que outro dos aspectos que avalía MeteoGalicia é a calidade do aire, para o que a comunidade conta con 47 estacións de control -tanto públicas como privadas- distribuídas polo territorio galego que acreditan a boa calidade do aire da comunidade. Esta rede de recollida de datos, indicou, está tamén en constante renovación, ampliación e mellora para manterse como unha das máis importantes de toda España.

A vicepresidenta segunda en funcións explicou que neste obxectivo se enmarca a recente incorporación á rede pública galega dunha estación de calidade do aire cedida pola empresa Endesa no concello de Ferrol. Este punto de recollida de datos seguirá así avaliando a calidade do aire na cidade ferrolá e na súa área metropolitana -pero baixo xestión da Xunta- contribuíndo a enriquecer as series temporais longas de valores da calidade do aire xa existentes e a identificar patróns e tendencias.

O inverno climatolóxico 2023-2024 en Galicia, o cuarto máis cálido da serie histórica
Comentarios