A conselleira Ángeles Vázquez celebrou a aprobación no Parlamento da primeira Lei do clima de Galicia, unha norma que fixa o obxectivo de acadar a neutralidade en emisións no 2040 e integra a perspectiva climática como eixo transversal das políticas públicas.
Galicia aproba no Parlamento a súa primeira Lei do clima para avanzar cara á neutralidade en 2040
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, celebrou hoxe a aprobación por parte do Parlamento de Galicia da primeira Lei do clima da comunidade, unha norma que, segundo destacou, consolidará Galicia como referente na loita contra o quecemento global.
De acordo co explicado pola conselleira, o novo texto lexislativo pretende dotar de seguridade xurídica as políticas de mitigación e adaptación ao cambio climático e fixa como meta que Galicia acade a neutralidade en emisións no ano 2040, dez anos antes do obxectivo marcado pola Unión Europea.
Ángeles Vázquez puxo tamén en valor que a lei establece mecanismos para afrontar eventos meteorolóxicos adversos, como os rexistrados en Galicia nos últimos días, ao mellorar a súa prevención e facilitar tanto a xestión das consecuencias como a correcta prestación de servizos á cidadanía en situacións deste tipo.
A norma sitúa o clima como eixo transversal das políticas públicas galegas, polo que deberá integrarse na toma de decisións en ámbitos con impacto potencial, como infraestruturas, transportes, saúde, industria ou xestión hidrolóxica. Nesa liña, a Xunta e o sector público autonómico deberán incorporar a perspectiva climática —tanto na redución de emisións como na adaptación aos efectos do quecemento global— na elaboración de plans e programas sectoriais, na preparación de contratos públicos cando o seu obxecto o permita e nas convocatorias de subvencións que inflúan nos obxectivos de neutralidade climática.
A Lei do clima inclúe tamén medidas orientadas a reforzar a gobernanza climática e a regular proxeccións que permitan ofrecer información específica para Galicia, “fácil e sinxela, feita por e para a comunidade”. Ademais, prevé impulsar a sensibilización, a educación e a investigación e fortalecer os servizos meteorolóxicos e de calidade do aire.
