lunes. 29.04.2024

A Xunta de Galicia destacou hoxe a aposta cada vez máis decidida de cidadáns e concellos pola cultura do fermosismo, un compromiso que se reflicte na boa acollida que está a ter a convocatoria deste ano das axudas para a corrección de impactos paisaxísticos en vivendas, edificios públicos municipais e elementos etnográficos.

Así o subliñou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita á antiga escola unitaria de Lardeiros, no concello do Pino, destinada na actualidade a local social e cuxa fachada foi renovada recentemente polo Goberno local grazas a unha destas subvencións.

Tras lembrar que o prazo para a presentación de solicitudes se abriu o pasado 16 de xaneiro, a vicepresidenta salientou o éxito da nova convocatoria realizada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) en vista das numerosas solicitudes recibidas para acollerse a ambas ordes de axudas.

Neste sentido, puxo en valor a importancia de coidar, protexer e preservar as diferentes formas de paisaxes que conviven no territorio implicando ás administracións públicas e á cidadanía, xa que, recordou, é un dos “sinais de identidade” característicos que ten Galicia. Por iso, felicitou ao alcalde do Pino, Manuel Taboada, por contribuír ao fermosismo do seu municipio con intervencións como a realizada na escola unitaria ou o repintado e limpeza acometidos na Casa Consistorial en 2021 cunha axuda tamén do IET.

TIPOS DE ACTUACIÓNS

En canto aos tipos de intervención subvencionables, no caso da liña dirixida aos propietarios particulares prevese a posibilidade de actuar sobre fachadas, cubertas e muros de peche, así como a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir cando estes prexudiquen a súa imaxe ou causen algún impacto na contorna.

Pola súa banda, os concellos poderán solicitar estas axudas para executar traballos de renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais —liña 1— ou ben obras de índole menor que melloren o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos —liña 2—.

Cómpre lembrar que as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos poden cubrir ata o 70% do orzamento subvencionable, cun límite de 3.000 euros por subvención no caso dos particulares e de ata 40.000 euros no das administracións locais —20.000 euros por cada unha das liñas de actuación previstas na convocatoria—.

El éxito del 'fermosismo'
Comentarios