sábado. 04.05.2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu hoxe á apertura da carpa de degustación da Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa. Xunto ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, visitou os distintos postos que durante os próximos días distribuirán millares de quilos destes mariscos e probou algunhas das distintas preparacións que se comercializarán durante a festa.

A festa, que contará con varias actuacións musicais, arrincou hoxe coa apertura da carpa de degustación e rematará o domingo co concerto de Roi Casal

Esta festa gastronómica, que hoxe inaugura a súa 29ª edición, reúne cada ano a millares de persoas que buscan degustar estes manxares tan propios das nosas rías. Neste sentido, Reguera sinalou que “a Xunta sempre está do lado de quen busca dar a coñecer os nosos grandes tesouros gastronómicos” e engadiu, “non debemos esquecernos dos mariscadores e mariscadoras, sen os cales non sería posible organizar este evento que ten un impacto tan importante na economía de Vilanova”.

Coincidindo coa apertura da carpa, o concello de Vilanova de Arousa aproveitou para anunciar quen será o pregoeiro desta edición da festa, unha responsabilidade que recaerá no xornalista José García Domínguez. O pregoeiro será un dos homenaxeados deste ano co mexillón e o berberecho de ouro, xunto ao sacerdote Juan Ventura Martínez e ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López Diéguez.

Cabe destacar que a festa seguirá ata o domingo, día 13 de agosto, e contará con varias actuacións musicais. Durante os próximos días tocarán en Vilanova a Orquestra Panorama, os grupo The Vacas e Take It Easy e o cantante Roi Casal. Ademais, a carpa, que nesta ocasión foi instalada na praza do Castro para evitar interferir na actividade do mercado, estará aberta ao público ao mediodía e pola tarde-noite.

Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova
Comentarios