domingo. 13.10.2024
Pola súa recreación da época medieval da enocomarca

A Festa da Istoria de Ribadavia recibirá o Premio ‘Ribeiro en Nós’

A Festa da Istoria de Ribadavia, a coñecida sumiller María José Hortas Vega e a revista de gastronomía e turismo La Alacena Roja súmanse á lista de persoas e entidades que este ano serán distinguidos cos Premios do Ribeiro na sua XII edición, que se celebrará o próximo día 28 de xuño na localidade de Santa Cruz de Arrabaldo.
MARIA JOSE HUERTAS VEGA
Outra das premiadas nesta edición da Gala do Ribeiro será María José Huertas Vega, unha das sumilleres españolas con maior renome no noso país, Nariz de Ouro.

A Festa da Istoria de Ribadavia, a coñecida sumiller María José Hortas Vega e a revista de gastronomía e turismo La Alacena Roja súmanse á lista de persoas e entidades que este ano serán distinguidos cos Premios do Ribeiro na sua XII edición, que se celebrará o próximo día 28 de xuño na localidade de Santa Cruz de Arrabaldo. Así o confirmou hoxe o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Juan Manuel Casares, que se mostrou moi satisfeito de engadir estes nomes aos do escritor e xornalista Manuel Juliá, que será recoñecido como Persoeiro de Honra polo seu labor á fronte da Feria Nacional de Vino (Fenovin) na mesma gala, tal e como xa anunciou en días pasados.

María José Huertas, Nariz de Ouro e un dos grandes nomes da sumillería española, será distinguida co Premio ‘Muller e Viño’

Así, a Festa da Istoria de Ribadavia, declarada en 1997 de Interese Turístico Nacional pola recuperación dunha actividade ancestral e histórica que se levaba a cabo fai máis de tres séculos, e Festa de Interese Cultural Galega pola Xunta en 1999, recibirá a distinción Ribeiro en Nós, un premio co que o C.R.D.O. quere “recoñecer un labor de 34 anos recuperando unha iniciativa que naceu en 1989, pero que tiña xa un antecedentes no século XIX de recreación de pasaxes históricas da época medieval na comarca do Ribeiro, e moi especialmente na vila de Ribadavia”, tal e como explicou Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador, quen manifestou ademais que “en Galicia e en España, falar de Ribeiro é falar de historia”.

A Festa da Istoria de Ribadavia, unha translación no tempo da celebrada nesta mesma vila ata o século XIX no marco dos festexos da Virxe do Portal, patroa do Ribeiro, pretende recuperar as tradicións ancestrais e históricas que formaron a propia historia da zona, e divulgar unha parte da historia galega. Así, no ámbito da festa os visitantes poden coñecer oficios que hoxe en día están en decadencia ou xa esquecidos, como ferreiros, toneleros, zoqueros, canteiros ou cesteiros, e un longo etcétera de artesáns populares de gran incidencia na historia económica de Galicia, sen esquecer a importancia do viño do Ribeiro.

Festa da Istoria.
Festa da Istoria.

Tal e como explican desde a propia Asociación Coordinadora Festa da Istoria, encargada da súa organización, “a súa celebración favorece o turismo rural, monumental e cultural ata límites insospeitados, con visitantes de toda Galicia e do resto de España”, alcanzando o pasado ano os 25.000 visitantes “das que máis da metade viñeron vestidas de época”, o que fai posible que esta celebración “sexa un punto de referencia obrigado como cita anual o último sábado do mes de agosto”.

Tamén se recoñecerá a Manuel Juliá, director da Feria Nacional del Vino, como ‘Persoeiro de Honra’

Cabe mencionar que a recuperación desta actividade tradicional ribadaviense é obra da Escola Obradorio de Santo André (dedicado á rehabilitación do edifício que alberga na actualidade o Museo do Viño de Galicia, en colaboración coa maioría das asociacións culturais e veciñais da zona, aos que se sumaron moitos veciños a título persoal.

Será esta a terceira vez que o Consello Regulador faga entrega do premio Ribeiro en Nós, tras distinguir con el o pasado ano á investigadora Emilia Díaz Losada, actual responsable do departamento de Viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGAL), e ao equipo da película Cuñados, da produtora Portocabo, en 2021.

MULLER E VIÑO

Outra das premiadas nesta edición da Gala do Ribeiro será María José Huertas Vega, unha das sumilleres españolas con maior renome no noso país, Nariz de Ouro e responsable da adega do prestixioso restaurante La Terraza del Casino, (NH Hotel Group), galardoado con dúas estrelas Michelin e que dirixe o famoso chef Paco Roncero.

Con este premio a María José Huertas, profesional de gran experiencia que conta cunha longa lista de recoñecementos como o Premio Nacional de Gastronomía, e ao que se suma este Muller e Viño, o Consello Regulador quere poñer en evidencia que “o mundo do viño non é unha cuestión de xénero, senón de persoas, ás que lle queremos recoñecer a súa capacidade de traballo e talento, algo que María José ten dabondo”, explicou o presidente da entidade.

De formación enxeñeira agrícola, cunha estancia no Bulli de dous anos, e número uno no curso de Sumiller da Cámara de Comercio de Madrid, María José Huertas é un dos grandes nomes da sumillería española grazas á súa paixón polo mundo do viño no que nunca deixou de formarse, viaxar e catar novos viños.

A María José Huertas antecédenlle neste recoñecemento da DO Ribeiro Mayte Santa Cecilia, Mónica Fernández, Sonia Prince de Galimberti, Isabel Mijares, Esther Daporta, Almudena Alberca e Pilar Cavero.

MELLOR TAREFA DE COMUNICACIÓN

Por outra banda, o Consello Regulador tamén quere recoñecer nesta edición co Premio Mellor Tarefa de Comunicación a unha das publicacións que máis axudaron a difundir as excelencias dos viños do Ribeiro e as accións levadas a cabo na súa promoción.

Trátase de La Alacena Roja, unha revista de gastronomía e turismo con sede en Pontevedra, posicionada en Galicia como “un referente para consultar sobre o comer, o beber e o viaxar”. Con este premio, que recibirán o día 28, o C.R.D.O. Ribeiro quere “recoñecer dez anos de aposta e posta en valor, tanto dos viños e a restauración, como do turismo e o enoturismo, que levan desenvolvendo desde a súa saída á rúa”, explicou Juan Manuel Casares.

O magazine, Premio de Gastronomía de Galicia 2022 polo seu intenso traballo na difusión, promoción e potenciación de empresas, produtos e pratos típicos de Galicia e da profesionalidade da hostalería galega, é unha publicación especializada de 48 páxinas a todo cor e periodicidade bimestral, da que se editan 6.000 exemplares, cunha distribución directa, sectorizada e por correo, e que se complementa cun portal web que se actualiza a diario, e unha newsletter coas informacións máis destacadas.

La Alacena Roja naceu en 2013 da man de Alberto F. Traversa, Martina Vicente e Kike García Cerviño, e entre as súas accións inclúe tamén a entrega dos seus propios premios anuais ás mellores iniciativas turísticas e gastronómicas, entre elas a propia DO Ribeiro, que conta xa con este galardón no seu palmarés.


XII GALA DO RIBEIRO. A gala do Ribeiro celebrarase o 28 de xuño, ás 19.30 horas, coa entrega de premios a diferentes iniciativas e profesionais, así como aos viños gañadores da Cata Oficial.

A Festa da Istoria de Ribadavia recibirá o Premio ‘Ribeiro en Nós’
Comentarios