jueves. 02.05.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto de entrega do I Premio de Ensaio Camiño de Santiago, que convoca a Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia. Recibiuno Jesús Curros Neira pola obra Escenas, imaxes e sons do Camiño, que se impuxo a outros seis traballos presentados pola súa “posta en valor da visión e do aproveitamento de todo o relacionado co tema xacobeo desde distintos ángulos culturais”.

Valentín García destacou “a importancia de celebrar tamén o Xacobeo desde o ámbito literario estimulando a produción e a edición en galego e contribuíndo a que haxa obras divulgativas sobre calquera tema e ámbito do saber inspiradas no Camiño de Santiago”, así como o compromiso da Academia Xacobea de “impulsar unha realidade tan importante para Galicia como son o Camiño e o Xacobeo, tamén como valores de intercambio cultural e de diálogo a través do ensaio, da novela ou da poesía”.

No acto tamén participaron, canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o premiado, o presidente e o secretario da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bertolo, respectivamente; e mais o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. A entrega contou coa actuación musical do cantautor Manoele de Felisa.

VISIÓN GLOBAL

A obra gañadora, Escenas, Imaxes e Sonidos do Camiño, editada dobremente por Galaxia en versións galega e en castelá, pon en valor a visión e o aproveitamento de todo o relacionado co tema xacobeo desde diferentes ángulos culturais. O autor ofrece un texto elegantemente escrito, de sinxela e amena lectura que, sen dúbida, captará a atención do público lector desde as primeiras páxinas. Nela, a arquitectura, a literatura, galega, española e universal, a música sagrada e profana, o cine e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita desde unha visión global dun fenómeno como o Camiño de Santiago.

GALARDÓNS

O Premio de Ensaio Camiño de Santiago convócao a Academia Xacobea coa colaboración do Goberno galego e a mais a Editorial Galaxia, co patrocinio de Aluminios Cortizo. Ten como obxectivo promover e darlle presenza ao Camiño de Santiago e ao fenómeno xacobeo no ámbito da literatura, desde o ensaio, e está dotado con 3.000 euros e coa publicación da obra en dobre edición, galega e castelá.

A Academia Xacobea convoca tamén os premios de narrativa e de poesía Camiño de Santiago, que recaeron nas súas primeiras edicións nas obras Camiño de paixóns (2018), de Carlos Meixide e Das viaxes maiúsculas (2019), de Domingo Tabuyo, respectivamente. No mes de abril está prevista a convocatoria do II Premio de Narrativa Camiño de Santiago, co que a Academia iniciará o segundo ciclo de convocatorias literarias arredor do Camiño e do fenómeno xacobeo.

‘Escenas, imaxes e sons do Camiño’