viernes. 26.04.2024

A Xunta de Galicia remata este mércores os Encontros e Networking nos campus universitarios, postos en marcha ao abeiro do programa Primavera Xove. Con este conxunto de conferencias o Goberno galego procura achegar á mocidade a experiencia de profesionais de diferentes eidos como a comunicación, o medio ambiente ou a educación emocional. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu ás charlas que se celebraron hoxe en Ourense e na Coruña.

Entre os meses de abril e maio celebráronse xornadas como a de hoxe co obxectivo de ofrecer alternativas de ocio formativo e responsable ás mozas e mozos e que poidan ser complementarias ao currículo académico. Ademais, nelas traballáronse habilidades e capacidades necesarias desde o ámbito da educación non formal para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Este mércores celebráronse catro actividades: no Espazo Redeiras da Universidade de Vigo a charla estivo centrada na arte urbana; na Praza do Seminario de Estudos Galegos de Santiago de Compostela a cociña foi a protagonista; na Sala Social da Sede Fundación Once da Coruña falouse de cultura e creatividade; e na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus da Auga de Ourense púxose en marcha unha charla centrada na innovación e de persoas innovadoras no mundo dixital.

O vindeiro mércores, día 18, rematarán os Encontros e Networking nos campus universitarios na Coruña cunha actividade que porá en valor o talento mozo.

'Encontros nos campus universitarios'
Comentarios