martes. 23.04.2024

A editorial viguesa Agoeiro vén de publicar en galego os libros de homilías de san Josemaría Escrivá É Cristo que pasa e Amigos de Deus. O primeiro volume saíra en 1973, dous anos antes da morte do fundador do Opus Dei; o segundo é póstumo e chegou ás librarías en 1977. Cada un destes libros contén 18 homilías que foron traducidas ao galego por Araceli Filgueira Iglesias.

Os textos de É Cristo que pasa abranguen todo o ano litúrxico católico, desde o Advento ata a festa de Cristo Rei. En canto ao contido, o beato Álvaro del Portillo escribiu no prólogo da primeira edición: “A cerna é o sentido da filiación divina, constante na predicación do fundador do Opus Dei. O autor faise eco continuamente da ensinanza de san Paulo: "Os que son gobernados polo Espírito de Deus son fillos de Deus". Esta edición en galego leva un texto do bispo de Vigo, Luis Quinteiro, que sinala como desde a diocese de Tui-Vigo comezou a expansión internacional da institución fundada por Escrivá. Tamén di: “Sen dúbida, estas homilías axudarán a quen as lea a ser máis rezador seguindo as suxestións do Papa”.

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, lembra no limiar de Amigos de Deus que san Josemaría peregrinou por primeira vez a Compostela en xullo de 1938. Aquel era Ano Santo porque o de 1937 se alongara por mor da guerra. Tamén evoca como, no prólogo da primeira edición, o beato Álvaro del Portillo dicía: “Estas dezaoito homilías trazan un panorama de virtudes básicas humanas e cristiás para quen queira seguir de preto os pasos do Mestre”.

Portada É Cristo que pasa.
Portada É Cristo que pasa.

Agoeiro é unha editorial galega que naceu durante a pandemia baixo a dirección do xornalista vigués Jorge Alonso. O nome está tomado dun illote do sur das illas Cíes, moi apreciado polos pescadores. Na súa curta existencia o selo publicou 40 obras e está a rescatar fondos do editor Severino Cardeñoso, que é asesor da editorial.

Os libros de homilías están á venda na libraría Avir da Coruña e despois do verán están previstas varias presentacións en distintas cidades galegas, a primeira delas en Vigo.

FESTIVIDADE DE SAN JOSEMARÍA

Con motivo da festividade de San Josemaría, que se celebra este domingo, haberá misas nas principais cidades galegas. Para mañá, luns, están previstas as de Lugo (18.30 horas en A Nova), Ourense (Santa Eufemia, 20.15 horas), Pontevedra (San José, 20 horas) e Vigo (Parroquia de Santiago, 11.30 horas e Fátima, 20 horas).

Dous libros de homilías de san Josemaría xa se poden ler en galego
Comentarios