lunes. 29.04.2024

A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) iniciará mañá, luns 15 de abril, unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da comunidade galega. Esta iniciativa, que forma parte da programación anual da DXT, ten como obxectivo conseguir unha maior redución da velocidade media e manterase durante toda a semana, ata o domingo 21.

A campaña será coordinada polas xefaturas provinciais de Tráfico e empregará o máximo de medios posibles, co aviso, cando sexa posible, da existencia de controis a través dos paneis de sinalización variables e nas pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico situadas nas inmediacións.

Ademais, nestes controis a DXT contará co apoio das distintas policías locais dos concellos no seu ámbito de actuación, unha colaboración moi importante para unificar a mensaxe de respecto aos límites de velocidade establecidos independentemente da vía pola que se circule.

Os controis velarán polo cumprimento dos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos. Neste aspecto, convén lembrar que, en marzo de 2022, entrou en vigor a norma que impide aos condutores pasar a velocidade en 20km/h para adiantar en vías convencionais.

A campaña busca concienciar aos condutores da estreita relación entre unha velocidade inadecuada e os accidentes. E é que, a diferenza da incompatibilidade entre o alcol e a condución ou o uso do cinto de seguridade e do casco, que non son cuestionados, a consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, a pesar de que a velocidade excesiva foi en 2022 a primeira causa concorrente máis frecuente nos accidentes mortais de tráfico en Galicia.

Ademais, reforzaranse os controis naqueles tramos máis perigosos das estradas convencionais onde se produce maior número de accidentes e falecidos coa velocidade como factor concorrente.

Campaña especial do ano pasado

Durante os sete días de campaña de vixilancia e control de velocidade posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico entre os días 17 e 23 de abril de 2023, os e as axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil controlaron a velocidade a 154.028 vehículos en Galicia.

Do total de vehículos controlados, 10.866 condutores resultaron infractores, e, por tanto, denunciados por exceso de velocidade.
 

PROVINCIA

Vehículos controlados

Condutores Denunciados

A Coruña

45.631

1.912

Lugo

64.920

6.811

Ourense

16.372

982

Pontevedra

27.105

1.161

Total

154.028

10.866

A DGT comeza en Galicia unha campaña de control de velocidade centrada nas vías...
Comentarios