A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o venres 21 de novembro o prazo para participar nos II Premios Sociais, unha iniciativa destinada a poñer en valor o traballo a prol dos dereitos humanos, da inclusión e do benestar das persoas e colectivos máis vulnerables da provincia. Estes galardóns, dotados con 15.000 euros distribuídos en sete premios e tres categorías, recoñecerán tanto a traxectoria profesional e institucional como proxectos innovadores de intervención social.
Os II Premios Sociais nacen co obxectivo de destacar a importancia da cooperación entre administracións, entidades sociais e sociedade civil, promovendo accións sostibles que impulsen un mundo máis equitativo. Así, a Deputación busca visibilizar o labor de profesionais, organizacións e iniciativas que contribúen a mellorar a vida das persoas en situación de vulnerabilidade ao longo do territorio pontevedrés.
As candidaturas poden ser presentadas por persoas físicas ou xurídicas empadroadas na provincia, así como por profesionais do eido social, entidades do terceiro sector e outras organizacións públicas ou privadas que propoñan a terceiras persoas ou proxectos. Non se concederán premios a título póstumo. Dependendo da modalidade, será necesario achegar unha memoria da traxectoria profesional, unha ficha da entidade ou unha descrición do proxecto proposto.
As tres categorías dos premios distribúense da seguinte maneira:
-
Premio a toda unha vida profesional no eido social: 3.000 €
-
Premio á entidade de iniciativa social pola súa traxectoria:
-
1º premio: 3.000 €
-
2º premio: 2.000 €
-
3º premio: 1.000 €
-
-
Premio ao mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto social:
-
1º premio: 3.000 €
-
2º premio: 2.000 €
-
3º premio: 1.000 €
-
Con esta nova edición, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa xustiza social, a igualdade de oportunidades e o fortalecemento do tecido comunitario, impulsando propostas que contribúan a un futuro máis humano e solidario.te
