martes. 04.11.2025

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana a súa labor de difusión sobre as comunidades enerxéticas a través da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, cunha serie de xornadas informativas que percorrerán catro concellos da provincia: Lalín, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén e Vila de Cruces.

As charlas, que se celebrarán o luns 12 e o xoves 15 de maio, teñen como obxectivo explicar á cidadanía que é unha comunidade enerxética, o papel das administracións no seu desenvolvemento e os servizos que a institución provincial ofrece a través deste servizo, financiado con fondos Next Generation EU.

A primeira das xornadas terá lugar o luns 12 de maio ás 18:00 horas no Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, a información trasladarase ao Edificio Sociocultural de Lalín. Xa o xoves 15 de maio, as citas serán ás 18:00 horas na Sala de Cultura de Mondariz-Balneario e ás 20:00 horas na Casa Cultural de Pazos de Borbén.

A Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables da Deputación, con sede no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro, está a impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en toda a provincia, priorizando especialmente o medio rural e os concellos con reto demográfico. Para acadar este obxectivo, o proxecto inclúe actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede provincial de comunidades enerxéticas.

Nestas xornadas de difusión, dirixidas a concellos de menos de 50.000 habitantes, dáse a coñecer os servizos da oficina e a figura das comunidades enerxéticas, coa misión de facilitar a transición enerxética entre a poboación, potenciar a autosuficiencia enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia e contribuír a un modelo enerxético máis sostible e responsable.

Desde +Renovables, a Deputación ofrece un completo asesoramento ás entidades interesadas na creación dunha comunidade enerxética, abarcando as fases de constitución, desenvolvemento e explotación. Isto inclúe a axuda no deseño de proxectos de xeración (térmica ou eléctrica), asesoramento económico sobre financiamento e a realización de informes previos sobre a viabilidade técnica, económica, legal e xurídica.

A Deputación impulsa as comunidades enerxéticas con xornadas informativas en Lalín,...
Comentarios