lunes. 29.04.2024

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2024.

Trátase dunhas axudas anuais que se convocan por un importe de 4.500.000 euros, a executar entre o 2025 e o 2026. Dende mañá, o día seguinte ao da publicación desta Orde, os interesados disporán de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro de 2024 para presentar as súas solicitudes.

Os posibles beneficiarios destas achegas son as empresas vitivinícolas, as organizacións de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, as organizacións interprofesionais e as organizacións profesionais. Serán subvencionables os custos de construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto e os gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4% dos custos subvencionables totais da operación. Tamén serán subvencionables a adquisición ou o desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e de patentes, licenzas, dereitos de autor ou o rexistro de marcas colectivas.

OBXECTIVOS

Os principais obxectivos desta convocatoria son, entre outros, os de fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario e impulsar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, da eficiencia enerxética global, da utilización de enerxías renovables e da valorización e tratamento dos residuos.

Procúrase, así mesmo, fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas, a produción ecolóxica e os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade. Outros obxectivos pasan por favorecer a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións, polo incremento da dimensión empresarial, pola participación dos viticultores e elaboradores na cadea de valor ou por impulsar os investimentos en comercialización e promover a introdución das tecnoloxías dixitais nas empresas.

Convocatoria das axudas para o fomento da elaboración e comercialización de produtos...
Comentarios