jueves. 25.04.2024

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado por Elena López, técnico da Fundación Juana de Vega, informou hoxe aos socios da Asociación de gandeiros Agromuralla de Lugo sobre a nova Conta Láctea. Na xuntanza explicouse o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática, creada pola Xunta en colaboración con esta fundación, para calcular os custos de produción das explotacións leiteiras.
Tal como xa explicara no Parlamento hai uns días, o director xeral lembrou que a Xunta avoga porque esta ferramenta sexa recoñecida como unha fonte de datos de consulta pública consonte á normativa vixente para permitir a súa utilización como referente na negociación dos prezos do leite.

Nesa liña, apuntou que o Goberno galego promoverá incluír na Lei da cadea alimentaria que está a tramitar ao Goberno central unha disposición específica que contemple que se hai unha aplicación informática que contabilice os custos de produción avalada por unha Consellería como a do Medio Rural -caso de Conta Láctea- esta deba servir como ferramenta mínima para negociar os prezos do leite.

XESTIÓN ECONÓMICA

Neste mesmo sentido, José Balseiros destacou que a principal finalidade da aplicación é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. Para acadar estes obxectivo, a aplicación -creada ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo- permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.

Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.

A presentación de hoxe aos socios de Agromuralla forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira. O acceso a Conta Láctea pódese facer a través da páxina web de Medio Rural, no seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.

Conta Láctea, negociar prezos do leite