sábado. 27.04.2024

Tres candidaturas galegas entre os finalistas dos Premios Nacionais de Artesanía 2022

O obradoiro de Santiago Besteiro (Monterroso), baseado no traballo co coiro en combinación con outros materiais, opta ao Premio Emprendemento, categoría na que xa resultara finalista na edición de 2020. Santiago Besteiro Design dedícase ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables. Un proxecto no que prima a investigación con novas formas e materiais, un deseño simple e funcional e ofrecer os máis altos estándares de calidade.
Santiago Besteiro.
Santiago Besteiro.

Tres candidaturas galegas optan como finalistas aos XV Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O obradoiro de torneado de madeira Vikensen (Tomiño) e mais o obradoiro de Santiago Besteiro (Monterroso), especializado no coiro, competirán na categoría Emprendemento, mentres que a Fundación Artesanía de Galicia –dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economia, Industria e Innovación da Xunta de Galicia– opta ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra cada mes de xullo nos Pendellos de Agolada desde o ano 2012.

Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán.

Os Premios constan de 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns –Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto e Premio Emprendemento– e dúas que recoñecen o labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas. 

FINALISTAS GALEGOS

O obradoiro de Santiago Besteiro (Monterroso), baseado no traballo co coiro en combinación con outros materiais, opta ao Premio Emprendemento, categoría na que xa resultara finalista na edición de 2020. Santiago Besteiro Design dedícase ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables. Un proxecto no que prima a investigación con novas formas e materiais, un deseño simple e funcional e ofrecer os máis altos estándares de calidade.

Actualmente, traballa realizando prototipado e investigación de novos produtos para clientes coma Loewe ou deseñadores e tamén mantén dúas liñas de produtos: por unha banda a marroquinería e, pola outra, pezas escultóricas e dedicadas á decoración de interiores.

O outro obradoiro de Artesanía de Galicia que opta nesta edición ao Premio Emprendemento é Vikensen (Tomiño), un obradoiro especializado en torneado de madeira impulsado por Aitor Martínez. Este torneiro deseña e tornea pezas en madeira impulsado en grande medida pola intuición, en relación ao propio material e aos seus desexos. No traballo de Aitor recoñécense os trazos dos grandes referentes do sector e, sobre todo, destaca a paixón que –dende os seus comezos como carpinteiro e creador de xoguetes de madeira– soubo trasladar cara á elaboración de pezas máis contemporáneas. Vikensen é un obradoiro que toma unha nova dirección, enfocándose máis no mundo da decoración e na creación de ambientes e desenvolve pezas cuxa finalidade está nelas mesmas e nas persoas que as mercan.

O Premio Promociona para Entidades Públicas está pensado para recoñecer a contribución notable á promoción da artesanía desde as institucións. Nesta edición, a Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista en recoñecemento ao evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, dende o ano 2012.

O programa de actividades amplíase edición tras edición, dándolle acollida a obradoiros da marca Artesanía de Galicia, postos de produtos gastronómicos con denominación de orixe, charlas e conferencias, talleres participativos para o público infantil e adulto, exposicións, cursos de formación especializada e presentación de diferentes proxectos intersectoriais. Unha programación que lle permitiu converterse nunha cita ineludible no calendario de eventos de interese artesanal de Galicia.

Na edición de 2022, convidáronse deseñadores de alto prestixio e representantes de importantes empresas comercializadoras nacionais e internacionais, co obxectivo de abrir novas oportunidades de negocio entre os artesáns galegos.

Nos anos 2020 e 2019, a Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista polo seu proxecto Artesanía no Prato dirixido á busca de sinerxías entre artesanía e gastronomía.

PREMIADAS NOUTRAS EDICIÓNS

O sector artesán galego adoita contar con representantes entre os finalistas das últimas edicións dos Premios Nacionais de Artesanía. O ano pasado, Noroeste obradoiro (Santiago de Compostela), obtiña o Premio Produto pola súa colección “Línea”; mentres que o obradoiro de bordado contemporáneo Variopinto (Santiago de Compostela) e o de xoiería Rígido (A Coruña), resultaron finalistas na categoría Emprendemento.

No ano 2020, ademais de Santiago Besteiro, resultou finalista na categoría Emprendemento o obradoiro téxtil Inés RIR&Co Diseño Textil Artesano (Allariz). No ano 2019, o obradoiro de elaboración de zocos de Elena Ferro (Vila de Cruces) facíase co Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada e a ceramista Paula Ojea (Vigo), co Premio Produto, pola súa colección Cut&Fold. Foi a segunda vez que Galicia recibiu o Premio Nacional, a máxima categoría das cinco nas que se dividen estes galardóns, co que foi distinguido o obradoiro de gaitas Seivane no 2013. Na categoría Emprendemento 2019 resultou finalista o obradoiro Anaquiños de Papel (A Coruña), que o ano pasado resultou gañador da Bolsa Eloy Gesto dos Premios Artesanía de Galicia, convocados pola Xunta de Galicia.

No ano 2016, foi a Fundación Artesanía de Galicia a que resultou gañadora do Premio Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto Enredadas, realizado en colaboración coa Consellería do Mar e orientado a impulsar a diversificación do traballo das redeiras artesás de Galicia a través da creación relacionados coa moda, coa bixutería, coa decoración ou cos complementos.

As pezas de cestería téxtil da artesá Idoia Cuesta (Outeiro de Rei) resultaron gañadoras no ano 2014 na categoría Premio Produto. No 2013, o Obradoiro de gaitas Seivane (Cambre) gañaba o Premio Nacional de Artesanía e a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultaba finalista no Premio Promociona para Entidades Privadas. Un ano antes, a Fundación Artesanía de Galicia facíase por primeira vez co Premio Promociona para Entidades Públicas e o obradoiro Asteleiros Triñanes (Boiro) resultaba finalista no Premio Nacional de Artesanía.

Na edición 2011, Galicia contou con cinco candidaturas finalistas nestes galardóns. O complexo Otero Regal, de Viveiro, gañaba o Premio Promociona para Entidades Privadas e Idoia Cuesta era recoñecida cunha mención especial no Premio Innova. O obradoiro de iluminación Arturo Ávarez (Ames) resultaba finalista no Premio Nacional, Elena Ferro finalista no Premio Produto, e a Fundación Artesanía de Galicia, finalista no Premio Promociona.

No ano 2010 os obradoiros de Óscar Rodriguez Joyeros (Viveiro), Rosa Méndez (Teo) e Viviana Araújo (Pontevedra), resultaban finalistas na categoría Produto. O ano anterior, o canteiro Ricardo Antelo (Ponteceso) resultaba gañador do Premio Innova e no 2008 Joyas de la Raspa (Vigo) facíanse co Premio Produto. A Deputación da Coruña obtivo o Premio Promociona para Entidades Públicas no ano 2007 e o Obradoiro de Gaitas Seivane gañaba o Premio Innova no ano 2006.

Tres candidaturas galegas entre os finalistas dos Premios Nacionais de Artesanía 2022
Comentarios